A Xunta apoia o ‘II Mercadiño de Nadal’ que organiza a Asociación de Veciños de San Antonio, en Lugo
Haberá actividades infantís, espectáculos de maxia e un posto solidario de venda de chocolate e café a favor da Asociación Española contra o Cancro
Lugo, 18 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia colabora coa Asociación de Vecinos e Comerciantes do barrio de San Antonio, en Lugo, na organización do “II Mercadiño de Nadal”, que celebrarán o sábado día 20 entre as 11,00 e as 21,00 horas nunha carpa instalada fronte ao Centro Integral de Saúde.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do evento xunto coa presidenta do colectivo veciñal, Cecilia Vázquez, e o presidente da Asociación Española contra el Cancro en Lugo, José Manuel Rozas, entre outros. Esta entidade recibirá os fondos que se recaden nun posto solidario de chocolate, café e biscoitos instalado durante toda a xornada coa colaboración de Cafés Candelas e Panadería Ousá.
Ademais, a cita incluirá postos de venda e actividades infantís, como un obradoiro de chapas personalizadas con palabras e expresións en galego para fomentar o uso da lingua dun xeito divertido.
Os magos David Méndez, Santi Ninou, e “O gran Mago” Mago Martín terán un especial protagonismo. Impartirán un obradoiro de maxia ás 17 horas, e sobre as 18:30 horas pasearán pola feira facendo maxia entre o público, para concluír cun espectáculo que comenzará ás 20 horas.