O Servizo Galego de Saúde recibe tres novos recoñecementos internacionais pola promoción de políticas contra o impacto ambiental na actividade asistencial

Foi recoñecido coa distinción de ouro nos prestixiosos Premios Health Care Climate Challenge Awards na categoría de resiliencia climática, liderado climático e mitigación do cambio climático

A área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza tamén foi recoñecida co ouro en mitigación e liderado e coa prata en resiliencia; e a área sanitaria de Vigo obtivo o ouro en liderado

Ademais, as áreas sanitarias da Coruña e Cee, de Ferrol e de Pontevedra e O Salnés forman parte da Cohorte de Compromiso Climático en Atención Sanitaria de 2025

Cunha redución do 69 % en emisións de CO2 equivalente, o Servizo Galego de Saúde supera amplamente as súas expectativas na carreira cara a obxectivo de cero emisións fixado para o 2040

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2025

O Servizo Galego de Saúde lidera a loita contra o cambio climático no ámbito internacional. Así, vén de sumar tres novos recoñecementos, na categoría ouro, á súa atención sanitaria, nos prestixiosos Premios ao Desafío Climático en Saúde 2025 (Health Care Climate Challenge Awards): en resiliencia climática, en liderado climático e en mitigación do cambio climático. 

Máis concretamente, o Servizo Galego de Saúde resultou premiado coa máxima distinción na categoría de mitigación do cambio climático, para previr as emisións reducindo a pegada climática da atención sanitaria; tamén en canto a liderado climático, para educar ao persoal sanitario e ao público xeral sobre o clima e a saúde, ademais de promover políticas para protexer a saúde pública do cambio climático; e ademais en canto a resiliencia climática, por prepararse para os impactos do clima externo e a cambiante carga de enfermidades. 

Ademais, a área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza foi recoñecida coa distinción de ouro en mitigación e liderado e coa prata en resiliencia; a área sanitaria de Vigo na categoría de ouro en liderado climático; e as áreas sanitarias da Coruña e Cee; de Ferrol; e de Pontevedra e o Salnés forman parte da Cohorte de Compromiso Climático en Atención Sanitaria de 2025.

Este fito coincide cunhas cifras que avalan a traxectoria do Servizo Galego de Saúde en sostibilidade, xa que consegue a redución do 69 % en emisións de CO2 equivalente (o 59 % só o pasado ano), superando todas as expectativas no obxectivo de cero emisións no 2040, establecido polo Sergas na súa Estratexia de Economía Circular. 

Estes premios supoñen un novo salto no compromiso do Servizo Galego de Saúde co Health Climate Challenge na redución da pegada de carbono na asistencia sanitaria e na promoción de políticas contra o impacto ambiental da actividade asistencial. 

Os premios, concedidos pola organización non gobernamental Health Care Without Harm, recoñecen o liderado e a innovación na atención médica intelixente desde o punto de vista climático, mostrando as contribucións destacadas dos hospitais e os sistemas de saúde na redución do seu impacto climático e a promoción dun futuro máis saudable. 

Galicia, unha atención sanitaria de ouro en materia de sostibilidade

Os premios do Desafío Climático da Saúde para a atención sanitaria é unha iniciativa que leva xa 10 anos involucrando a institucións, hospitais e sistemas sanitarios para a transformación da atención médica sustentable.

No camiño da sostibilidade do Servizo Galego de Saúde e o seu liderado internacional, hai que destacar tamén que o Hospital Universitario Lucus Augusti é o primeiro hospital de España que conta coa certificación de Desperdicio Alimentario Cero. 

Remarcar, así mesmo, a recente certificación ao Sergas por Aenor do “GHG Protocol” (Protocolo de Gases de Efecto Invernadoiro), nos tres alcances, un estándar internacional cuxo obxectivo é medir e diminuír as expulsións destes gases á atmosfera no camiño cara a descarbonización. 

Data de actualización: 20/12/2025