Medio Rural publica por primeira vez as bases reguladoras das axudas para a sucesión de explotacións agrarias co fin de promover a remuda xeracional
As achegas, que están ligadas ás transmisións a través do Banco de Explotacións, poderán acadar ata un máximo de 30.000 euros nun período de cinco anos para os titulares que as cedan mediante venda ou arrendamento a outra persoa
A finalidade destas axudas é favorecer a renovación xeracional, a sustentabilidade e diversificación territorial, aumentar a viabilidade das explotacións agrarias mediante a súa reestruturación e ampliación e incrementar o grao de cualificación profesional
A publicación destas bases é o paso previo para formalizar a convocatoria, que se fará efectiva ao longo do vindeiro ano e que estará dotada cun orzamento de 2,1 millóns de euros ata o 2030
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a sucesión de explotacións agrarias, no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común de España 2023-2027 (PEPAC), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader). Esta publicación faise por primeira vez e ten como obxectivo principal promover a remuda xeracional no agro.
As achegas, que están ligadas á transmisión de explotacións a través do Banco de Explotacións, poderán acadar ata un máximo de 30.000 euros nun período de cinco anos para as persoas que cedan as súas explotacións mediante venda ou arrendamento a outra persoa cesionaria. Esta última sería unha persoa física ou xurídica a quen se cede a explotación, xa se trate dunha persoa agricultora moza, novos ou xa en activo.
Así pois, a finalidade destas axudas é favorecer a renovación xeracional, apostar pola sustentabilidade, aumentar a viabilidade das explotacións agrarias mediante a súa reestruturación e ampliación e incrementar o grao de cualificación profesional das persoas titulares. Trátase de apoiar a persoas agricultoras que decidan cesar na súa actividade agraria se van ceder a súa explotación a outras persoas, mediante a presentación dun proxecto de cooperación. Así mesmo, tamén se fomenta a desconcentración económica, pois o Banco de Explotacións favorecerá a diversificación territorial da produción.
Xubilación ou incapacidade laboral
Poderán beneficiarse destas subvencións as persoas físicas, xefas de explotación, que cumpran os requisitos para acceder á xubilación no momento de realizar a transmisión, ou por causa de incapacidade laboral permanente, e que cedan a súa explotación agraria a outra persoa. Quedan excluídas da condición de beneficiarias as persoas titulares de explotacións clasificadas como de autoconsumo ou non comercial.
Entre os requisitos que deben cumprir os beneficiarios están os de non ter máis de 70 anos de idade e seren titulares dunha explotación agraria cuxa produción estándar total (PET) sexa, como mínimo, de 8.000 euros. Pola súa banda, os cesionarios (as persoas ás que se ceden as explotacións) deberán ser maiores de 18 anos e non superar os 55, ter formalizado coa persoa cedente un proxecto de cooperación e comprometerse a realizar un contrato de arrendamento e/ou compravenda para a transferencia da explotación, entre outras condicións a cumprir.
Axudas de 2,1 millóns de euros ata 2030
As bases publicadas hoxe constitúen o paso previo para a convocatoria das axudas, que se fará efectiva ao longo do vindeiro ano, e que estarán dotadas cun orzamento de 2,1 millóns de euros ata o 2030. Trátase de estimular a sucesión das explotacións e de fomentar a remuda xeracional no agro, cunha iniciativa que se suma ás accións de formación, titorización e ás axudas á incorporación que vén desenvolvendo a Xunta.