A Xunta publica novas resolucións das axudas para a transformación e modernización de frotas de transporte de viaxeiros e de mercadorías

O Diario Oficial de Galicia recolle as resolucións de ambas as liñas, que suman entre setembro e novembro 184 subvencións concedidas por case 2,7M€ 

Na convocatoria publicada en 2022 destinada a axudas para a transformación de frotas, o crédito inicial de case 13M€ incrementouse en varias ocasións ata os 35M€, mentres que a orde de 2023 dirixida á modernización e dixitalización acada os 6,2M€

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a relación das axudas concedidas pola Xunta tanto na orde de transformación como na de modernización de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada entre setembro e novembro deste ano. Entre ambas resolucións suman 184 subvencións concedidas nestes meses por importe de case 2,7 millóns de euros.

Por unha parte, no que se refire ás axudas á transformación, destináronse neste período case 2,2 millóns de euros a case un cento de actuacións para avanzar na descarbonización do transporte galego. Estas axudas abranguen cinco liñas de actuación diferentes: o achatarramento de vehículos, a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos, o retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

Na resolución para o período entre setembro e novembro, as solicitudes vinculadas ao achatarramento de vehículos constitúen a maior parte das actuacións concedidas e superan os 600.000 euros, mentres que as destinadas á adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono representan arredor do 72% do importe concedido, favorecendo a substitución de vehículos máis contaminantes por outros máis eficientes e respectuosos co medio ambiente.

Trátase da duodécima publicación en relación cos expedientes concedidos no marco da orde publicada en 2022 que regula estas axudas, co obxecto de favorecer a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes no transporte por estrada. A medida contou cun crédito inicial de case 13 millóns de euros que, ante a boa acollida da iniciativa, foise incrementado en catro ocasións ata acadar un total de case 35 millóns.

A convocatoria enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, agás a cuarta e última ampliación dos fondos, que se realizou a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado, por catro millóns de euros. No DOG reflíctense de forma diferenciada as partidas orzamentarias correspondentes a cada fonte de financiamento.

Por outra parte, a Xunta concedeu entre setembro e novembro deste ano outras 86 axudas para a modernización das frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada, cun orzamento de 503.000 euros, no marco da convocatoria lanzada en abril do 2023 e dirixida a autónomos e Pemes do sector, dotada con máis de 6,2 millóns de euros.

O obxectivo da iniciativa é incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.

Así, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, outorgáronse nesta oitava quenda 78 axudas dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración, catro destináronse á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión e outras catro para  á implantación de sistemas TMS/ERP.

Unha vez ditada esta resolución de concesión da axuda, o beneficiario recibirá un cheque moderniza, pola contía correspondente á actuación para a que solicitou a axuda. No suposto de presentar dúas solicitudes para dúas categorías diferentes, recibirá dous cheques moderniza. O prazo máximo para a formalización dos Acordos  de Prestación de Solucións de Modernización é de tres meses desde a notificación da resolución de concesión.

Ao igual que as axudas para a transformación da frota, esta orde dirixida a favorecer a modernización e dixitalización tamén está impulsada pola Xunta no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.

Data de actualización: 25/12/2025