O director do Instituto de Estudos do Territorio participou no izado deste distintivo na localidade

A Xunta salienta que a Bandeira Verde de Galicia pon en valor a aposta do Concello de Touro pola protección da paisaxe e do medio ambiente

Enrique de Salvador lembra que a concesión deste recoñecemento dá visibilidade aos concellos como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas ambientais e paisaxísticas

Touro (A Coruña), 26 de decembro de 2025

A Xunta salienta que a Bandeira Verde de Galicia pon en valor a aposta do Concello de Touro pola protección da paisaxe e do medio ambiente.

Durante o acto de izado deste distintivo na casa consistorial, o director do Instituto de Estudos do Territorio, Enrique de Salvador, subliñou que é a segunda vez que este municipio coruñés logra este recoñecemento ao seu compromiso coa conservación ambiental e paisaxística. Nese senso, incidiu en que cada vez son máis os concellos que acadan este recoñecemento. Así, en 2025 o Goberno galego concedeu 33 galardóns fronte aos 24 do ano anterior.

Máis polo miúdo, o director salientou algunhas das accións que o concello presentou na súa candidatura como a renovación da iluminación no pavillón polideportivo municipal coa substitución do alumeado existente por luminarias LED de alta eficiencia, ou a mellora da conectividade natural na contorna de Fonte Díaz.

A maiores, ademais de traballar na preservación dos hábitats naturais e na mellora das áreas de uso recreativo con accións como a limpeza de espazos degradados ou o control de especies invasoras, o Concello impulsa un programa de compostaxe domiciliaria e comunitaria coa entrega de 65 novos composteiros domésticos para promover o compromiso veciñal coa sostibilidade.

Tal e como lembrou Enrique de Salvador, a Bandeira Verde de Galicia ten unha grande importancia pola visibilidade que lles outorga os municipios como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a paisaxe; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.

Cómpre lembrar que contar con este distintivo supón un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas para construír e mellorar puntos limpos fixos, instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.

Data de actualización: 26/12/2025