A Xunta destina 560.000 € ao impulso de áreas de estacionamento seguras para transportistas de mercadorías

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria para o período 2026-2027 que incrementa a contía subvencionable con respecto á anterior, de 2023

O obxectivo é o desenvolvemento de aparcadoiros protexidos que dispoñan de instalacións axeitadas e servizos precisos

A medida enmárcase no Plan estratéxico para a creación dunha rede galega de aparcadoiros seguros para o sector de transporte de mercadorías que prevé habilitar 1.500 prazas

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG)  publica hoxe a nova convocatoria de axudas para a creación de áreas de estacionamento seguro para vehículos de transporte de mercadorías en Galicia, á que se prevé destinar inicialmente 560.000 euros para o período 2026-2027.

O obxectivo é facilitarlles aos condutores destes vehículos o acceso a aparcadoiros certificados conforme os requisitos establecidos nos regulamentos europeos, nos que poidan descansar con seguridade e dispoñer tanto de instalacións axeitadas como dos servizos precisos. Búscase tamén promover a profesión de transportistas, potenciar a incorporación da muller a este ámbito laboral e contribuír á competitividade loxística de Galicia como plataforma de transporte do noroeste peninsular.

A medida vai dirixida a empresas e persoas autónomas que desenvolvan actividade económica e estean en activo. Para optar á axuda, os espazos deben estar situados a non máis de 10 quilómetros dunha autovía, autoestrada ou estrada nacional/autonómica da rede estruturante ou complementaria e dispoñer dun peche perimetral mínimo de 1,80 metros de altura, cumprir coas dimensións mínimas das prazas e reservar polo menos un 20% das prazas para rotación, ademais de obter, como mínimo, a certificación de nivel bronce conforme ao Regulamento Delegado (UE) 2022/2012 da Comisión, polo que se completa o regulamento do Parlamento Europeo e do Consello no relativo ao establecemento de normas que detallan o nivel de servizo e a seguridade das zonas de estacionamento seguras e protexidas, así como aos procedementos para a súa certificación.

Segundo a orde prevista, subvencionaranse ata 60 prazas con 2.000 euros cada unha. Esta contía pode incrementarse en 5.000 euros no caso de obter unha certificación prata e en 10.000 euros no caso de obter unha certificación ouro ou platino. Tamén se sumarán 2.000 euros no caso de dispoñer de polo menos dúas conexións para vehículos refrixerados. A posibilidade de engadir estes conceptos fai que medre a contía global subvencionable con respecto á anterior orde de axudas, publicada en 2023, ata os 132.000 euros. Na primeira convocatoria a contía máxima era de 120.000 euros e o investimento ascendía a 500.000.

As empresas e persoas autónomas interesadas terán de prazo un mes desde mañá para presentar as súas solicitudes, que deberán enviar obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal).

Avánzase así no Plan estratéxico para a creación dunha rede galega de aparcadoiros seguros para o sector do transporte de mercadorías, aprobado hai dous anos e co que se prevé habilitar 1.500 prazas de estacionamento seguro a través de distintas liñas de actuación impulsadas pola Xunta en colaboración con outras entidades que compartan este obxectivo.

Neste marco de acción distínguense dous tipos de estacionamento para camións. Por unha banda están as áreas en tránsito, localizadas en ruta para realizar os descansos necesarios segundo a normativa vixente, na que se centra a orde de axudas prevista. Por outra banda están as áreas de concentración, situadas en grandes polos de atracción de mercadorías e xeralmente dotadas de máis servizos, como a habilitada a comezos deste ano no Centro de Transporte de San Cibrao das Viñas en colaboración coa Deputación de Ourense e o empresariado do polígono.

Data de actualización: 29/12/2025