A Xunta impulsa o coñecemento do comercio local entre máis de 2.200 estudantes de preto de 50 centros educativos galegos a través do Programa Localízate
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, deu recentemente a benvida aos docentes participantes na formación en liña da nova edición da iniciativa
O alumnado traballará en equipos para pór en valor comercios das súas contornas, un xurado avaliará os seus proxectos e a fase final serán xincanas que se desenvolverán en abril e maio nas zonas comerciais e prazas de abastos das sete cidades galegas
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración está a impulsar unha nova edición do programa Localízate! no teu comercio local, na que 2.225 rapaces e rapazas de preto de 50 centros educativos terán a oportunidade de coñecer de primeira man o comercio de proximidade. Enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e dirixida a alumnado de ESO e de ciclos formativos de grao básico, a iniciativa consta primeiramente dunha formación en liña tras a que o alumnado traballará en equipos seguindo unha guía didáctica para seleccionar un comercio da súa contorna e deseñar propostas que lle permitan conectar coa mocidade. O profesorado contará, ademais desta formación inicial, cos materiais necesarios para orientar e acompañar o traballo do alumnado.
Unha vez rematado o traballo na aula, un xurado será o encargado de avaliar os proxectos presentados e seleccionar os máis destacados. As clases elixidas participarán na segunda fase do programa, Localízate! na rúa, que se desenvolverá entre abril e maio nas zonas comerciais e nas prazas de abastos das sete cidades galegas nas que se desenvolverá: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.
Nesta etapa, o alumnado realizará xincanas a pé polos comercios participantes, interactuando cos establecementos e resolvendo probas que lles permitirán coñecer de primeira man a realidade do sector. Entre os obxectivos da iniciativa atópanse o fomento do pensamento crítico e creativo, da iniciativa emprendedora e da autonomía persoal, así como a sensibilización sobre a economía local e o funcionamento da empresa.
Ademais, en cada cidade instalarase unha unidade móbil que actuará como punto informativo e espazo de visibilización dos produtos locais, ademais de servir como lugar de saída e meta da proba por equipos.
Implicación a prol do comercio
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, deu recentemente a benvida aos docentes participantes na sesión formativa en liña desta nova edición do programa, Localízate! na aula, na que tomaron parte máis dunha trintena de mestres e mestras. González agradeceu a implicación e participación do profesorado neste proxecto e puxo de manifesto que é unha peza clave para facer realidade iniciativas coma esta, que unen educación, territorio e futuro.
Así mesmo, o conselleiro destacou o programa como unha ferramenta para espertar o interese da mocidade polo comercio local, tanto desde a perspectiva do consumo responsable como da posibilidade de emprender, e puxo en valor a importancia do tecido comercial e das prazas de abastos para dar vida ás rúas, crear emprego e impulsar a economía local.