Medio Rural mellora as instalacións do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias para poder ampliar a oferta formativa

A conselleira María José Gómez realizou unha visita a este CFEA, no que se veñen de acometer actuacións para renovar e actualizar as súas infraestruturas cun investimento de algo máis de 43.000 euros

As actuacións consistiron na creación de dúas novas aulas e un baño, co obxectivo de contar con espazo suficiente para impartir outro tipo de formación ademais da regrada

Estes traballos forman parte da aposta da Consellería do Medio Rural polos CFEA e por mellorar a experiencia do alumnado que cursa neles os seus estudos vencellados coa rama agraria

Gómez afirmou que renovar e modernizar estas instalacións é fundamental para poder impartir unha formación de calidade

Ribadeo (Lugo), 7 de decembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, realizou unha visita ao Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo, onde se vén de acometer unha reforma na súa planta baixa para mellorar as instalacións deste centro cun investimento de algo máis de 43.000 euros co fin de ampliar a oferta formativa do centro.

Durante o seu percorrido pola zona na que se realizou a reforma, no que estivo acompañada polo alcalde do municipio de Ribadeo, Daniel Vega, a conselleira explicou que as actuacións consistiron na creación de dúas novas aulas e un baño. Para facelo, foi necesario demoler antigos tabiques e levantar outros novos, así como colocar novos solos e renovar a fontanería e as luminarias existentes ata o de agora. Con estas aulas poderase contar con espazo suficiente para impartir outro tipo de formación ademais da regrada.

Deste xeito, avánzase na iniciativa da Consellería do Medio Rural pola creación da rede de espazos de especialización e innovación agraria no seo dos CFEA. Estes espazos servirán para apoiar, asesorar e ofrecer unha formación máis específica aos profesionais nos procesos de elaboración, transformación, innovación e comercialización das súas producións.

Outras obras de mellora acometidas no Pedro Murias

Por outra banda, as obras realizadas no Pedro Murias forman parte da aposta do Goberno autonómico por mellorar a experiencia do alumnado que cursa neles os seus estudos vencellados coa rama agraria. A conselleira lembrou que tamén se acometeron obras de mellora e mantemento na residencia de estudantes do Pedro Murias, que abriu de novo para este curso 2025-2026.

Ademais da residencia, que conta cun total de 21 prazas de aloxamento, tamén se procedeu á renovación dos aparellos da lavandería, cun investimento de preto de 19.000 euros, e cociña, cuxas dotacións e equipamentos tamén se melloraron e para os que se destinaron algo máis de 22.500 euros.

Aposta pola formación da rama agraria

Xa para rematar, María José Gómez destacou que o Pedro Murias é un dos seis CFEA que hai espallados pola comunidade e que contribúen a ofrecer formación cualificada aos profesionais dos sectores agrario, gandeiro e forestal. Así mesmo, enxalzou o labor que desenvolven estes centros como garantes da remuda xeracional e a fixación de poboación no medio rural. Neste sentido, afirmou que renovar e modernizar as súas instalacións é fundamental para poder impartir unha formación de calidade que prepare aos futuros profesionais do agro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/01/2026