A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático fixo esta mañá un percorrido pola senda fluvial do Anllóns, unha das zonas obxecto de intervención

A Xunta executou unha vintena de obras de mellora e acondicionamento de espazos naturais en 2025 cun investimento de case 800.000 euros

As operacións acometidas no concello de Ponteceso centráronse nun treito de medio quilómetro do sendeiro peonil que discorre paralelo ao río, que foi pavimentado con xabre e acondicionada na súa contorna con céspede e o plantado de árbores

Ángeles Vázquez salienta que as actuacións desenvolvidas teñen como obxectivo común a posta en valor dalgúns espazos protexidos nas catro provincias a través da ordenación dos seus usos e da preservación da biodiversidade que albergan

Ponteceso (A Coruña), 10 de xaneiro de 2026

A Xunta de Galicia acometeu o ano pasado unha vintena de obras de adecuación do uso público e actuacións de conservación en espazos naturais protexidos das catro provincias cun investimento global de preto de 800.000 euros (en concreto, 786.145,18 euros).

Así o anunciou en Ponteceso a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que acompañada da directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e do rexedor, José Manuel Mato, visitou esta mañá a senda fluvial na desembocadura do río Anllóns que, precisamente, foi unhas das 20 obras executadas o ano pasado no conxunto da Comunidade.

Tal e como explicou a responsable autonómica, trátanse, en xeral, de pequenas actuacións como melloras de sendas, áreas de esparexemento, accesos, pontes, sinalización e posta en valor de ecosistemas que axudan á conservación destes espazos e ao seu desfrute por parte da cidadanía.

En total, executáronse nove actuacións na provincia de Ourense, catro na de Pontevedra, tres en Lugo e catro na Coruña: dúas nas Fragas do Eume, outra no Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e outra en Ponteceso.

En concreto, Ángeles Vázquez explicou que os traballos acometidos neste municipio se centraron nun treito de case medio quilómetro dun sendeiro peonil de 1 km de lonxitude en total e que discorre paralelo ao río Anllóns. Cun orzamento de 50.353,70 euros, a actuación xa está rematada e consistiu na adecuación do itinerario existente mediante a súa pavimentación con xabre estabilizado con cemento e no acondicionado na contorna con céspede e o plantado de árbores, o que facilitará o seu percorrido para a veciñanza.

Por último, Ángeles Vázquez salientou que todas estas actuacións —cofinanciadas co Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027— teñen como obxectivo común a posta en valor dalgúns dos espazos protexidos máis significativos das catro provincias a través da ordenación dos seus usos e da preservación da súa biodiversidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/01/2026