A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o centro residencial

A Xunta destaca que a residencia de maiores pública autonómica da Eiriña atópase xa a pleno rendemento

O centro, construído e financiado pola Fundación Amancio Ortega, conta con 120 prazas públicas e supuxo un investimento de máis de 26 M€

Na visita, a conselleira tivo oportunidade de conversar co que foi o primeiro residente, un veciño de Salcedo de 81 anos, ao que xa recibira en outubro

Pontevedra, 13 de xaneiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá a nova residencia de maiores pública autonómica de Pontevedra, situada no barrio da Eiriña e que xa se atopa a pleno rendemento. O centro residencial, construído e financiado pola Fundación Amancio Ortega (FAO), conta actualmente con máis de 100 residentes. As prazas restantes xa están adxudicadas e iranse ocupando nos próximos días.

Na visita, na que estivo acompañada polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, a conselleira puido conversar co primeiro residente deste centro, Enrique Pereira, veciño de Salcedo de 81 anos, ao que xa tivera oportunidade de recibir no mes de outubro.

Fabiola García destacou que o centro da Eiriña, que conta con 120 prazas públicas, supuxo un investimento de máis de 26 M€ que permitiu dotalo das mellores instalacións posibles para o confort dos seus usuarios. Ademais, fixo fincapé en que a posta en marcha da residencia  permitiu a creación de máis dun centenar de postos de traballo directos no ámbito dos coidados. Neste sentido, puxo en valor “o imprescindible traballo diario de todo o persoal da residencia e da súa dirección”.

Tras percorrer as instalacións, a conselleira reiterou o agradecemento da Xunta á FAO “pola súa implicación e compromiso no ámbito social”, co investimento de máis de 180M€ na construción de sete residencias en Galicia, que supoñen a creación de 900 prazas públicas e máis de 800 empregos directos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/01/2026