A Xunta destina 60.000€ á mellora da eficiencia enerxética do pavillón polideportivo municipal do Valadouro
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado visitaron as actuacións executadas no marco da convocatoria do 2025 do fondo adicional
Actuouse na renovación completa da cuberta principal e dos canalóns e baixantes co obxectivo de evitar o deterioro da edificación
O Valadouro (Lugo), 15 de xaneiro de 2026
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron as instalacións do pavillón polideportivo municipal do Valadouro para comprobar as melloras de eficiencia enerxéticas realizadas co apoio da Xunta. As obras contaron cunha achega de 60.000 euros do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL) de 2025, destinado a concellos de menos de 15.000 habitantes e dotado con 5 millóns de euros.
Os traballos centráronse na renovación completa da cuberta principal e dos canalóns e baixantes que afectan a esta parte da infraestrutura co obxectivo de evitar o deterioro do inmoble. Como explicou Natalia Prieto, esta mellora da eficiencia enerxética contribuíu a garantir a seguridade e confort das persoas usuarias destas instalacións deportivas, tanto o alumnado do C.E.I.P. Plurilingüe Santa María do Valadouro, que emprega o pavillón en horario escolar, como o resto da veciñanza que fai uso da infraestrutura fóra deste horario.
As obras realizadas no pavillón do Valadouro a través do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local forman parte das liñas de apoio do Goberno galego para impulsar a descarbonización e a mellora da eficiencia enerxética.
A directora xeral de Administración Local explicou que a través destas medidas búscase atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.
Nesta liña, puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de achegas que permitiron impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos mediante as distintas liñas específicas. Trátase desta liña dirixida a concellos de menos de 15.000 habitantes do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, dotada con 5 millóns de euros, así como a Orde de Infraestruturas de uso público (3,5 millóns de euros), o Fondo de Compensación Ambiental (máis de 11 millóns), o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local destinado a proxectos estratéxicos (máis de 8,2 millóns ) e as ordes plurianuais 2024-2025 e 2025-2026 de axudas de mellora de eficiencia enerxética en concellos de menos de 30.000 habitantes cofinanciadas con fondos Feder e cunha dotación de 10,3 millóns.