Galicia desenvolveu 24 proxectos para a observación e vixilancia da biodiversidade baseados no uso de tecnoloxías con drons, nos que participaron máis de 400 profesionais

A Xunta presentou en Badaxoz, xunto con Avincis e Telespazio, os resultados da súa participación no Plan Complementario de I+D+i de Biodiversidade

O Goberno galego prevé dar continuidade ás actividades desenvolvidas neste Plan no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda)

Badaxoz, 15 de xaneiro de 2025

A Xunta de Galicia desenvolveu 24 proxectos para a observación e vixilancia da biodiversidade baseados en tecnoloxías innovadoras embarcadas en vehículos e sistemas non tripulados, nos que participaron máis de 400 profesionais, no marco do Plan Complementario de I+D+i de Biodiversidade.

O goberno galego presentou hoxe en Badaxoz, xunto coas empresas Avincis e Telespazio, os resultados dos proxectos desenvolvidos na súa participación no Plan Complementario de I+D+i de Biodiversidade, aos que prevé dar continuidade no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda).

As actividades do Plan Complementario realizáronse coa colaboración de Avincis, Telespazio, Aertec e Tecnobit e materializáronse en 17 proxectos de I+D e 7 proxectos de aplicacións específicas para usuarios (como o MITECO, SASEMAR, a Junta de Andalucía, o Instituto de Gestión del Territorio de Aragón ou o Instituto de Ciencias do Mar de Galicia do CSIC) en ámbitos como a identificación de hábitats costeiros, a extracción de parámetros ambientais para o Inventario Forestal Nacional, a xestión sustentable dos bancos marisqueiros ou o seguimento automático de bivalvos invasores; no desenvolvemento de seis plataformas aéreas e acuáticas de diferentes tipos (ala fixa, helicópteros e despegue vertical) para a monitorización e seguimento da biodiversidade; así como de diferentes sistemas de misións e datos e conxuntos de equipos tales como sensores, sistemas de comunicacións ou sistemas de xestión de voo.

Os resultados colleitados por Galicia na súa participación no Plan Complementario de Biodiversidade constitúen un avance significativo neste eido e suporán unha importante panca para que as empresas participantes comercialicen os desenvolvementos realizados.

Dos máis de 400 profesionais que participaron no desenvolvemento dos proxectos, o 80 % son persoas investigadoras e tecnólogas. Ademais, colaboraron coa Xunta de Galicia e cos seus catro socios tecnolóxicos un total de 18 empresas, das cales dous terzos son pemes; 6 centros tecnolóxicos, 2 dos cales xeraron spin-offs para a explotación comercial dos resultados; e 4 grupos de investigación de 2 universidades galegas.

A participación de Galicia no Plan Complementario de Biodiversidade, impulsado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e cofinanciado a través do Plan de Recuperación ,Transformación e Resiliencia da Unión Europea, realizouse en cooperación con Canarias, cun programa destinado a desenvolver tecnoloxías e impulsar misións para a observación e estudo da biodiversidade utilizando vehículos non tripulados, plataformas satelitais e pseudo-satelitais (HAPS). Tamén foron beneficiarias do Plan Andalucía, Asturias, Illas Baleares, País Vasco e Estremadura.

A xornada de presentación de resultados do Plan Complementario de I+D+i na área de Biodiversidade celebrouse no paraninfo da Universidade de Estremadura e contou coa presenza de representantes de todas as Comunidades Autónomas que obtiveron financiamento deste programa; así como da Secretaría Xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Os plans complementarios constitúen un instrumento dirixido a establecer colaboracións coas comunidades autónomas en proxectos de I+D que teñan obxectivos comúns baseados nas Estratexias de Especialización Intelixente (RIS3) estatal e autonómicas. Galicia e Canarias foron os dous territorios que recibiron máis financiamento do Plan Complementario de I+D+i de Biodiversidade.

Data de actualización: 15/01/2026