Medio Rural mantén unha nova reunión con representantes do sector agrogandeiro para defender os seus intereses ante o acordo UE-Mercosur

A conselleira María José Gómez mantivo este mediodía unha xuntanza con representantes das asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, enmarcada nos contactos permanentes que se veñen establecendo cos produtores

Gómez volveu afirmar que se incrementarán os controis en Galicia ante o acordo con Mercosur e se creará unha estratexia para aumentar a promoción dos produtos agroalimentarios elaborados na comunidade

Seguirase a esixir como imprescindible que se respecten as cláusulas de salvagarda e que todos os produtos que entren en España cumpran cos mesmos requisitos sanitarios que garanten dende hai anos os produtores da Unión Europea

Tamén se abordaron cuestións vencelladas coa nova PAC, unha proposta que, como denunciou o Goberno autonómico en numerosas ocasións, é lesiva para o sector

En relación coa sanidade animal e a dermatose nodular contaxiosa, reclamou máis coordinación no ámbito nacional e que o Ministerio lidere o desenvolvemento dunha vacina marcada que poida administrarse de forma preventiva

Lugo, 15 de xaneiro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo este mediodía unha reunión con representantes das asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema. Esta xuntanza enmárcase nos contactos permanentes que se veñen establecendo cos produtores da nosa comunidade e súmase ás mantidas con anterioridade, como a de onte en Ourense ou a do pasado 5 de xaneiro, co fin de coñecer as súas demandas e defender os seus intereses ante o novo acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Seguindo esta liña, mañá venres está convocado o Consello Agrario.

Tal e como avanzou onte mesmo en Ourense, a conselleira afirmou que se incrementarán os controis en Galicia ante o acordo co Mercosur e que se creará unha estratexia para aumentar a promoción dos produtos agroalimentarios elaborados na comunidade, especialmente daqueles que conten con algunha certificación de calidade. Para facelo, citarase a representantes da distribución, unha parte esencial da cadea de valor. Ao fío deste incremento dos controis, fixo referencia á necesidade de intensificar as inspeccións na fronteira, unha cuestión que é competencia directa do Goberno Central. 

Tamén con respecto a Mercosur, reafirmou María José Gómez, seguirase a esixir ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, como xa se fixo en reiteradas ocasións, que calquera produto que entre en España debe cumprir os mesmos requisitos sanitarios que respectan dende hai anos os produtores da Unión Europea. En relación coas cláusulas de salvagarda, insistiu de novo en que son indispensables para a Xunta de Galicia. Estas condicións deben ser garantidas ao longo de todo o acordo, e por esta razón se lle segue a reclamar ao Goberno de España que defenda con insistencia este punto. 

Neste xuntanza tamén se abordaron as inquedanzas vencelladas á nova Política Agraria Común (PAC) a partir de 2028. Unha proposta que, como denunciou a Consellería do Medio Rural en numerosas ocasións, é lesiva para o sector primario galego, dado que implica un recorte de fondos e a perda dos dous piares actuais, que ata agora protexen as axudas directas e as partidas de desenvolvemento rural.

Redución de burocracia e requisitos

Así, asegurou que dende a Xunta seguirá a defenderse ante o Ministerio e a Unión Europea un cambio nesta proposta comunitaria e avanzou que este será o asunto principal a tratar este venres no Consello Agrario. Así mesmo, tamén concretou que se reclamará unha redución de burocracia e requisitos no marco da nova PAC.

Sobre sanidade animal, María José Gómez salientou o compromiso do seu departamento por manter o status sanitario da cabana gandeira galega. En relación coa dermatose nodular contaxiosa (DNC), transmitiu de novo unha mensaxe de tranquilidade ao sector, xa que esta doenza non chegou ata Galicia polo de agora e nestes momentos só se constatou a súa presenza en Cataluña. Aínda así, resaltou que é importante seguir as medidas preventivas e de bioseguridade establecidas ata o momento na comunidade.

Así mesmo, reclamou de novo máis coordinación por parte do Ministerio en todo o ámbito nacional, co fin de que as comunidades autónomas poidan implementar medidas homoxéneas nos seus territorios. Por outra banda, lembrou a súa demanda ao Goberno central para que lidere ante a Unión Europea unha vacina marcada que poida administrarse de xeito preventivo, que solicite a rebaixa da categoría da enfermidade e que contemple indemnizacións para os gandeiros que poidan resultar afectados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/01/2026