O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento de 267 médicos de familia de atención primaria como persoal estatutario fixo
O Diario Oficial de Galicia recolle a adxudicación de destino dos profesionais seleccionados por concurso-oposición
Corresponden á area sanitaria de Vigo 50 prazas; 47 á de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 47 á de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 43 á da Coruña e Cee; 39 á de Santiago de Compostela e Barbanza; 28 á de Pontevedra e O Salnés e 13 á de Ferrol
Disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2026
O Servizo Galego de Saúde publica hoxe, no Diario Oficial de Galicia, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no concurso-oposición, para o ingreso na categoría de médico de familia de atención primaria.
Ofértanse 271 prazas e resultan adxudicatarios de destino definitivo 267 profesionais, xa que quedan catro prazas vacantes: dúas no Barco de Valdeorras, unha en Oímbra e outra en Verín.
A distribución de prazas por área sanitaria e categoría é a seguinte: 43 na área sanitaria da Coruña e Cee; 13 na de Ferrol; 47 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; 47 na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 28 na de Pontevedra e O Salnés; 39 na de Santiago de Compostela e A Barbanza; e 50 na de Vigo.
Os nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 19 de febreiro de 2026.
Toma de posesión concurso de traslados
A publicación desta resolución de nomeamento para o ingreso na categoría médico de familia de atención primaria activa os prazos para o cesamento e toma de posesión dos profesionais adxudicatarios no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2025 do concurso de traslados aberto e permanente desa mesma categoría estatutaria.
Así pois, os médicos de familia de atención primaria que obtiveron praza neste concurso de traslados e estean a prestar os seus servizos no sistema público de saúde de Galicia cesarán o primeiro día hábil seguinte á publicación do Diario Oficial de Galicia, é dicir, o día 20 de xaneiro de 2026.
O persoal procedente doutro servizo de saúde poderá realizar o cesamento entre os días 20 e 22 de xaneiro.
A toma de posesión do novo destino obtido no concurso de traslados aberto e permanente deberá realizarse dentro dos dous días hábiles seguintes ao do cese, se a praza desempeñada e a adxudicada son da mesma área de saúde, no prazo de sete días hábiles se as prazas son de distinta área de saúde dentro do Servizo Galego de Saúde, ou no prazo dun mes se a praza desempeñada corresponde a outro servizo de saúde.
As persoas aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.