A Xunta impulsa a mellora da eficiencia enerxética da Casa Cuartel de Guntín cunha achega de 117.200 euros

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras, executadas ao abeiro da orde plurianual de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes cofinanciadas con fondos Feder

Guntín (Lugo), 21 de xaneiro de 2026

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes concedeu 117.200 euros ao Concello de Guntín para reformar a Casa Cuartel da localidade.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras acompañado do alcalde, Ángel Pérez. A Xunta colabora a través da orde plurianual de axudas para mellorar a eficiencia enerxética de infraestruturas municipais, cofinanciada con fondos Feder.

A actuación busca optimizar as condicións de habitabilidade e confort do edificio, mediante a reforma da envolvente térmica e do sistema de calefacción.

O proxecto permitiu cambiar a estrutura da cuberta, incorporando illamento e impermeabilización, ademais dun novo revestimento de lousa. Tamén se executou un trasdosado interior con illamento de lá de roca, e substituíronse as carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmico, dobre vidro e cámara de aire. Así mesmo, contemplouse a instalación dun sistema de climatización mediante unha bomba de calor de xeotermia.

Arias lembrou que a orde de axudas para melloras de eficiencia enerxética contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2026