A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Boqueixón (A Coruña) o parque empresarial de Camporrapado

Lorenzana anuncia que na primeira semana de febreiro sairán as axudas de 3,1 M€ para a mellora de infraestruturas en parques empresariais

Estes apoios cobren ata o 80 por cento do investimento subvencionable cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas

Como novidade, este ano tamén se poderán destinar a integrar os polígonos na paisaxe

Camporrapado, en Boqueixón, foi un dos 73 polígonos que resultaron beneficiados en toda Galicia na convocatoria de 2025

Boqueixón (A Coruña), 21 de xaneiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada pola directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, avanzou hoxe que na primeira semana de febreiro a Xunta de Galicia convocará as axudas para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais por un importe de 3,1 millóns de euros.

Así o anunciou durante unha visita ao polígono de Camporrapado, en Boqueixón (A Coruña), que o pasado ano recibiu 60.000 euros desta liña de apoios para a mellora dos seus accesos viarios. Este parque empresarial foi un dos 73 que resultaron beneficiados en toda Galicia na convocatoria de 2025. Deles, 28 na provincia da Coruña; 22 na de Lugo; 7 en Ourense e 16 en Pontevedra.

Lorenzana explicou que estas axudas cobren ata o 80 por cento do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas. Como novidade, sinalou que este ano tamén se poderán destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos do parque empresarial para contribuír á súa integración paisaxística.         

Xunto con isto, as axudas cobren a implantación e melloras na iluminación pública nas plantas de depuración de augas e nos colectores con vertedura á depuradora municipal; na xestión de residuos dentro do parque empresarial; nas infraestruturas viarias ou nos servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.

A conselleira destacou que a Xunta está facendo un enorme esforzo para executar máis metros cadrados de solo industrial en Galicia alí onde neste momento hai máis demanda. E recoñeceu que isto hai que acompañalo de apoio económico para os concellos que contan xa con parques empresariais en funcionamento onde é necesario acometer obras de mellora.

Actualmente, o Goberno galego está tramitando máis de 8 millóns de metros cadrados de solo industrial, dos cales, 2 millóns son na provincia da Coruña con actuacións como as ampliacións do polígono de Bértoa, en Carballo, e da  Sionlla, en Santiago de Compostela ou a urbanización das derradeiras fases do parque empresarial de Morás, no concello de Arteixo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2026