A Xunta lanza a nova orde de escolas abertas para formar a 80 docentes das entidades galegas no exterior que atenden a máis de 5.000 persoas
A convocatoria contempla estadías en Galicia previstas para o mes de xullo con obradoiros prácticos centrados en disciplinas tradicionais como gaita, baile, pandeireta ou cociña, e tamén na capacitación de persoal directivo
Trátase de cursos presenciais que pretenden garantir a participación da cidadanía galega no exterior, tanto na vida social como na vida cultural de Galicia, de cara a dinamizar as comunidades galegas de Europa e América
O prazo de solicitudes, dun mes, estará aberto ata o 23 de febreiro
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Secretaría Xeral da Emigración pola que se regula e convoca o programa de Escolas Abertas 2026, unha iniciativa do Goberno galego que promove a formación especializada para as persoas que imparten docencia nas entidades galegas do exterior.
Trátase dun programa de formación de formadores, co obxectivo de que os profesores que traballan nos distintos centros galegos do mundo teñan a oportunidade de vir a Galicia a participar en diferentes talleres de especialización, co que se lles aporta unha formación altamente especializada e cualificada.
Concretamente, os cursos previstos —que se levarán a cabo no mes de xullo— contemplan obradoiros de especialización das seguintes modalidades: formación de persoal directivo, gaita tradicional galega, baile tradicional galego, percusión tradicional galega, canto popular e pandeireta, confección de traxe tradicional galego e cociña galega. A Secretaría Xeral da Emigración farase cargo da organización destas formacións e do custo da estadía, do material didáctico e das viaxes de ida e volta das persoas participantes.
O prazo de presentación de solicitudes, dun mes, nesta ocasión abre a posibilidade de participar neste programa a un total de 80 docentes galegos residentes no exterior que atenden nas entidades galegas a máis de 5.000 persoas. Estará aberto ata o 23 de febreiro.
Proxección internacional da identidade galega
Escolas Abertas permite, deste xeito, espallar a cultura, as tradicións e a idiosincrasia galega por todo o mundo a través da convivencia e da estadía de profesores que imparten clases en diferentes entidades galegas do mundo, que transmitirán a súa experiencia propia a moitos outros nos seus lugares de orixe ou residencia habitual, mediante o efecto multiplicador dos cursos formativos.
Os alumnos deste programa son, así, á súa vez, formadores nos lugares dos que proceden, polo que os seus coñecementos, e tamén a súa experiencia de contacto directo coa realidade actual do país, chega deste xeito aos cidadáns da Galicia do exterior. Coa instrución e mellora de habilidades dos docentes participantes na iniciativa, acrecéntase o interese e a formación de milleiros de galegas e galegos residentes, e mesmo nados, fóra da Galicia territorial.
A Secretaría Xeral da Emigración salienta a importancia de seguir impulsando a difusión da cultura galega, lembrando o rol que xogan as entidades galegas do exterior para manter vivas as raíces dos emigrantes e dos seus descendentes coa súa terra de orixe.
Ligazón á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260122/AnuncioG0767-261125-0002_gl.html