A Xunta recibe oito ofertas para executar as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-552, entre Arteixo e Lañas, licitada por 865.000 euros

As obras, cun prazo de 6 meses, teñen como obxectivo a construción dunha senda peonil e ciclista de algo máis de 1 quilómetro de lonxitude ao longo desta vía autonómica

O itinerario previsto conectará coas beirarrúas e favorecerá un corredor peonil-ciclista metropolitano na contorna de Arteixo

Esta actuación completarase cunha franxa de xardín para separar a senda do tráfico, coa mellora dunha parada de autobús e a dotación de novo alumeado público

Esta intervención forma parte do Plan de Sendas de Galicia, co que a Xunta xa executou 300 quilómetros de itinerarios e prevé sumar 120 quilómetros máis nesta segunda fase

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2026

A Xunta recibiu un total de oito ofertas de empresas para executar as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada AC-552, entre Arteixo e Lañas.

As obras, licitadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas por un orzamento de 865.000 euros, teñen como obxectivo a construción dunha senda peonil e ciclista ao longo da citada vía autonómica e cunha lonxitude de algo máis de 1 quilómetro. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

O itinerario proxectado conectará coas beirarrúas e favorecerá a existencia dun corredor peonil-ciclista metropolitano na contorna de Arteixo.

Esta actuación completarase cunha franxa de xardín para separar a senda do tráfico, coa  mellora dunha parada de autobús e a dotación de novo alumeado público.

Esta nova actuación do departamento que dirixe María M. Allegue, forma parte do Plan de Sendas de Galicia, co que a Xunta xa executou 300 quilómetros de itinerarios nas marxes das estradas autonómicas e prevé sumar 120 quilómetros máis nesta segunda fase.

Esta obra da Xunta súmase a outras anteriores nesta estrada AC-552, como os treitos de senda entre Pastoriza e Vilarodís, reforzos de firme, ampliación da calzada, ou mellora da seguridade en paradas de autobús.

Data de actualización: 25/01/2026