A programación de fin de semana do stand de Turismo de Galicia en Fitur ábrese ao público xeral e combina propostas musicais e gastronómicas

Un salón de té de camelia, catas de xeados e mostras gastronómicas presentarán a oferta de produtos e pratos galegos na Feira de Turismo en Madrid

O dúo Caamaño&Ameixeiras e o grupo Xacarandaina porán música dando continuidade á programación que se está a levar estes días en Madrid

Madrid, 24 de xaneiro de 2026

A actividade no stand ‘Galicia Calidade’ na Feira Internacional de Turismo, Fitur, continúa durante a fin de semana con actividades abertas ao público en xeral. O espazo de Turismo de Galicia ofrecerá unha serie de actividades encamiñadas a familiarizar ás persoas asistentes coa gastronomía e a cultura galega buscando así novos visitantes á Comunidade galega.

Así, tanto na xornada do sábado como durante o domingo, a zona de encontros profesionais transformarase no Salón Té de Camelia. Neste espazo poderase degustar unha selección de tés de camelia. Esta é unha flor característica da rexión, que se conta como referente internacional no seu cultivo, e a elaboración de tés e doutros produtos a partir da mesma está gañando en popularidade.

Outra das propostas gastronómicas pasa polo desenvolvemento de demostracións culinarias e degustacións na Aula Gastro. Accesible previa reserva, esta actividade permitirá ao público xeral acceder a pratos e produtos típicos de Galicia da man de profesionais da cociña da rexión, a través de catas comentadas, showcookings etc.

Para completar a oferta gastronómica, durante a fin de semana poderanse catar xeados con selo Galicia Calidade no stand de Turismo de Galicia, en concreto das marcas Bico de Xeado e La Central Heladera.

As persoas que se acheguen ao espazo de Turismo de Galicia en Fitur gozarán, ademais, de propostas musicais da terra. En concreto, haberá actuacións do dúo feminino Caamaño&Ameixeiras, así como do grupo de música e baile tradicional Xacarandaina.

A feira poderase visitar o sábado 24 en horario de 10,00 a 20,00 e o domingo 25 de 10,00 a 18,00 horas. Prevese que arredor de 100.000 persoas visiten Fitur durante a fin de semana.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/01/2026