A Xunta inviste 1,1 M€ na mellora de camiños rurais en 18 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde, Fernando Couce, supervisou esta mañá os traballos executados no concello de Cabanas con cargo a estas axudas
Este programa da Consellería do Medio Rural está dotado con 19,5 millóns de euros para as anualidades 2025-2026 e finánciase con fondos propios
Aneiros lembrou que con esta última convocatoria se investiron 1,1 M€ na mellora de infraestruturas viarias en 18 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
Cabanas (A Coruña), 26 de xaneiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o concello de Cabanas xunto co seu alcalde, Fernando Couce, onde salientou o investimento de máis de 46.000 euros que recibiu este municipio a través do Plan Camiña Rural 2025-2026 da Consellería de Medio Rural. Concretamente, esta achega permitiu a mellora de dous camiños municipais deste concello, Lavandeira e Soaserra, nos que se actuou coa aplicación dunha triple capa de rega asfáltica e aglomerado quente.
O Plan Camiña Rural 2025-2026 que ten por obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas, está dotado con 19,5 millóns de euros de fondos propios. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026.
Aneiros destacou que a Xunta investiu nesta última convocatoria 1,1 M€ na mellora de infraestruturas viarias en 18 concellos das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a través do Plan Camiña Rural 2025-2026.
Tal e como lembrou a representante autonómica, os Concellos poden financiar actuacións de ampliación, que supoñan un incremento da lonxitude dos camiños, que incidan na seguranza viaria e permitan o cruce de vehículos; de mellora, para reforzar o firme existente coa incorporación de novas capas e a adecuación de obras de paso de cursos fluviais; e o mantemento do firme e as súas marxes.
A delegada territorial destacou a importancia deste programa autonómico pola súa “contribución á mellora da accesibilidade no medio rural, a fixación de poboación e ao incremento da competitividade das explotacións agrarias”, indicou.