A Xunta publica o acordo de melloras laborais e retributivas para o persoal do Servizo Galego de Saúde
O acordo recolle un incremento dun 2,5 %, con efectos retroactivos desde o ano 2025, da contía do complemento de produtividade por cumprimento de obxectivos
O acordo incorpora a mellora das condicións do persoal médico e enfermeiro de atención primaria, especialmente dos Puntos de Atención Continuada (PAC)
Establécese un incremento retributivo moi importante para a xornada complementaria do persoal enfermeiro
A noite do venres a sábado do persoal médico dos Puntos de Atención Continuada (PAC) terá os mesmos pluses retributivos que a noite do sábado a domingo
O persoal de PAC que realice prolongación de xornada nos centros de saúde terá as mesmas retribucións que o propio persoal dos centros de saúde
Desde este ano aplicarase ao persoal de atención primaria e atención hospitalaria con xornada semanal de 35 horas os mesmos días de compensación por festividades que coincidan en sábado que se establezan para o persoal da administración xeral
Todas estas melloras reflicten a aposta da Xunta pola sanidade pública e polo seu persoal
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
A Consellería de Sanidade publica hoxe, no Diario Oficial de Galicia, o acordo de novas melloras retributivas e de xornada para o persoal do Servizo Galego de Saúde. As principais melloras, con efectos desde o 1 de xaneiro, son para o persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC).
En concreto, o acordo incrementa nun 2,5 %, con efectos retroactivos desde o ano 2025, a contía do complemento de produtividade por cumprimento de obxectivos do persoal estatutario que o está a percibir (como o persoal médico), tanto de atención primaria como hospitalaria. Ademais, para o futuro, e xa desde este ano, aumentarase co incremento xeral de retribucións que establezan os orzamentos.
Recóllese tamén un incremento retributivo moi importante para a xornada complementaria do persoal de enfermería. Así, o valor da hora da xornada complementaria do persoal de enfermería dos PAC equipararase ao valor da hora previsto para a presenza física de enfermeiro nos días laborables.
Tamén a noite do venres a sábado do persoal médico de PAC terá os mesmos pluses retributivos que a noite do sábado a domingo.
Ademais, o persoal de PAC que faga prolongación de xornada nos centros de saúde terá as mesmas retribucións que o propio persoal dos centros de saúde. Por outra parte, incrementarase nun 50 % a indemnización por manutención (pasa de 10 a 15 euros).
Xunto ao anterior, desde este ano, o Servizo Galego de Saúde aplicará ao persoal de atención primaria e hospitalaria que teña un réxime de xornada semanal de 35 horas, os mesmos días de compensación por festividades que coincidan en sábado que se establezan para o persoal da administración xeral da Comunidade Autónoma. Esta medida beneficiará a colectivos como o persoal facultativo especialista de área dos hospitais ou, en atención primaria, ao persoal médico e enfermeiro dos centros de saúde.
Estas melloras foran acordadas coas organizacións sindicais CSIF, CCOO e UGT na Mesa Sectorial do pasado 5 de decembro e están incluídas nos acordos de desconvocatoria de folga asinados con distintos representantes dos profesionais.
Todas estas medidas están enmarcadas nun proceso de mellora global das condicións de traballo do persoal do Servizo Galego de Saúde que se iniciou co acordo do Consello da Xunta do 8 de setembro de 2022 e continuou co acordo de 29 de xuño de 2023, o que reflicte a aposta do Executivo autonómico pola sanidade pública e polo seu persoal.