A Xunta destina 120.000€ a mellora da eficiencia enerxética en infraestruturas deportivas de Cervo e Alfoz
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron as instalacións para coñecer comprobar as caldeiras de pellets para xerar auga quente sanitaria colocadas na piscina municipal de Cervo e no pavillón municipal de Alfoz
Ambas actuacións executáronse no marco de distintas convocatorias do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe as caldeiras de pellets para xerar auga quente sanitaria instaladas na piscina municipal de Cervo e no pavillón municipal de Alfoz. O Goberno galego destinou 120.000 euros a estas actuacións -uns 60.000 euros en cada unha-, ao abeiro das convocatorias de 2024 no caso de Cervo e de 2025 no de Alfoz do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local (FCL), destinado a concellos de menos de 15.000 habitantes e que contou cun orzamento de 5 millóns de euros en cada unha das dúas anualidades.
Durante as visitas, Natalia Prieto explicou que o novo sistema instalado en ambas infraestruturas deportivas destes concellos repercuten nunha redución considerable do consumo eléctrico e das emisións de dióxido de carbono. Así, mellorouse a eficiencia enerxética e o confort no uso das instalacións ao eliminar os antigos quentadores de auga, de baixa eficiencia e alto consumo.
Neste senso, aclarou que mediante achegas coma esta desta liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local búscase atender as necesidades das localidades de menor poboación, para garantir a mellor calidade na prestación de servizos municipais a toda a poboación galega, con independencia do lugar de residencia.
Nesta liña, puxo en valor o compromiso da Xunta cos concellos galegos coa distribución o ano pasado de achegas que permitiron impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos mediante as distintas liñas específicas. Trátase desta liña dirixida a concellos de menos de 15.000 habitantes do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, dotada con 5 millóns de euros, así como a Orde de Infraestruturas de uso público (3,5 millóns de euros), o Fondo de Compensación Ambiental (máis de 11 millóns), o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local destinado a proxectos estratéxicos (máis de 8,2 millóns ) e as ordes plurianuais 2024-2025 e 2025-2026 de axudas de mellora de eficiencia enerxética en concellos de menos de 30.000 habitantes cofinanciadas con fondos Feder e cunha dotación de 10,3 millóns.