A Xunta axuda con preto de 73.000 euros a reestruturación e reconversión dunha bodega en Meis
Trátase das axudas para a reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, que benefician a 39 persoas viticultoras e bodegas da provincia de Pontevedra
O delegado territorial visitou a Bodega Terras de Asorei e destacou a importancia de seguir apoiando este sector exemplar en Galicia
Meis (Pontevedra), 28 de xaneiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da bodega Terra de Asorei, no concello de Meis, con motivo das axudas da Xunta para a reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia.
Esta bodega é beneficiaria dunha achega de preto de 73.000 euros que permitirán mellorar as súas técnicas de xestión dos viñedos así como a súa produtividade e competitividade.
Cabe destacar que estas axudas contan cun orzamento resolto para toda Galicia de máis de 3 millóns de euros. Na provincia de Pontevedra destináronse máis de 1,5 millóns de euros que beneficiaron a 39 persoas viticultoras e bodegas e permitirán actuar en 72,5 hectáreas de viñedo.
Desta forma a Consellería do Medio Rural busca fortalecer a aposta por un sector estratéxico en Galicia e que cada ano conquista logros moi importantes que reverten a favor da economía galega.
Neste sentido, o delegado territorial destacou o gran impacto do sector vinícola na provincia e asegurou que a Xunta “é plenamente consciente da importancia deste sector tanto a nivel económico, como social e cultural”.
Acción estratéxica
Esta medida é estratéxica para a nosa comunidade, coa principal finalidade de incrementar a competitividade das explotacións vitícolas. Faino mediante os reaxustes estruturais necesarios do viñedo galego para que se diminúan os custos de produción das explotacións, nas que hai un gran predominio do minifundio. Tamén coas melloras técnicas da xestión dos viñedos galegos que contribúan a redimensionar as explotacións e cos reaxustes varietais necesarios para favorecer a orientación ao mercado.
Deste xeito, adáptanse as producións á demanda á vez que se preservan as viníferas autóctonas galegas de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación nun mercado cada vez máis globalizado.
Neste sentido, con estas axudas búscase perfeccionar o cultivo da vide en Galicia para reducir custos e orientarse mellor aos diferentes mercados, potenciando o grao de profesionalización cos conseguintes beneficios económicos para este tipo de explotacións, ao tempo que se promove a remuda xeracional.