A conselleira Allegue mantén unha reunión coa delegada en Galicia de Stop Accidentes, Jeanne Picard, para seguir avanzando en actuacións de seguridade viaria
A Xunta destinará este ano un investimento histórico de 71,6M€ á conservación e mellora da rede viaria autonómica
Tamén proseguirán as actuacións no marco da Estratexia de eliminación de tramos de concentración de accidentes
O Goberno galego promoverá ata 2028 un total 64 cursos de condución para motoristas
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, mantivo hoxe un encontro de traballo coa delegada en Galicia da asociación Stop Accidentes, Jeanne Picard, para seguir avanzando en actuacións de seguridade viaria.
A Xunta vén colaborando con esta asociación para promover diversas iniciativas de concienciación social no ámbito da seguridade viaria, unha materia prioritaria para o Goberno galego.
Cómpre lembrar que os Orzamentos da Xunta para este ano amosan o compromiso coa seguridade viaria, ao destinar un investimento histórico de 71,6M€ á conservación e mellora da rede autonómica.
O Goberno galego tamén seguirá a avanzar en actuacións ao abeiro da Estratexia de eliminación de treitos de concentración de accidentes.
Ademais o Executivo autonómico traballa en medidas para colectivos específicos como os motoristas, que son usuarios vulnerables das estradas. Neste sentido, a Xunta promoverá 64 cursos de formación ata 2028.