A Xunta avanza na descentralización da tramitación das titulacións náutico pesqueiras para axilizar prazos e mellorar o servizo á cidadanía

O proceso iniciarase coa renovación das titulacións de lecer e apoiarase no novo sistema informático Xesten, desenvolvido pola Amtega

O vindeiro 30 de xaneiro publicarase no DOG a convocatoria de exames extraordinarios para titulacións náuticas de lecer

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo unha reunión de traballo coas directoras territoriais da Consellería do Mar para abordar o proceso de descentralización da tramitación das titulacións náuticas de lecer e profesionais, unha medida clave para modernizar o procedemento administrativo, reducir prazos e facilitar a entrega dos títulos ás persoas solicitantes.

No encontro analizouse o calendario de implantación deste proceso, que comezará coa renovación das titulacións náuticas de lecer, permitindo que os departamentos territoriais poidan asumir de forma progresiva a xestión completa destes expedientes. Para facelo posible, será necesaria a formación do persoal autonómico no programa informático Xestén, deseñado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A nova funcionalidade deste sistema permitirá unha xestión máis áxil e eficiente dos procedementos, ao integrar nunha única plataforma a tramitación, a emisión e a entrega das titulacións, así como a comunicación coa cidadanía a través da sede electrónica. O obxectivo final é mellorar a atención ás persoas usuarias e reforzar a modernización da administración marítima galega.

Deste xeito, o programa Xestén dará un maior soporte á xestión integral da formación e das titulacións no ámbito do mar, incluíndo a expedición de títulos de lecer e profesionais, a renovación de tarxetas de identidade marítima, a inscrición en exames e a xestión de entidades colaboradoras. En 2025 permitiu tramitar máis de 1.800 renovacións de titulacións e máis de 1.600 entregas de tarxetas, cifras que avalan a súa capacidade para asumir a descentralización prevista.

Convocatoria de exames

Por outra banda, a directora xeral lembrou que o vindeiro 30 de xaneiro publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria de exames extraordinarios para titulacións náuticas de lecer, cuxo prazo de presentación de solicitudes se abrirá a partir do 2 de febreiro.

Durante o ano 2025 foron examinadas preto de 1.300 persoas en Galicia para a obtención de titulacións náuticas de lecer, unha cifra que reflicte o elevado interese social por este tipo de formación e a importancia de seguir avanzando na mellora dos procedementos administrativos asociados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2026