A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na reunión de conselleiros con competencias na xestión da fauna silvestre
Galicia únese ao resto de comunidades e persoarase ante o Constitucional para defender a lei que retira o lobo ao norte do Douro do Lesrpe
Ángeles Vázquez rexeita o recurso presentado polo Defensor do Pobo contra a lei estatal de desperdicio alimentario, aprobada polo Congreso dos Deputados e que deu resposta ao que as comunidades lobeiras levaban reclamando desde 2021, cando o Goberno central elevou de forma arbitraria o nivel de protección da especie
As comunidades sosteñen que o estado das poboacións do lobo no norte de España é favorable e urxen a que o Goberno central convoque a Conferencia sectorial para aprobar o informe sexenal que así o reflicte antes de envialo a Bruxelas
A conselleira lembra que o Executivo central debe ás comunidades fondos de anos pasados -no caso de Galicia 12 millóns de euros- para sufragar as medidas de prevención e compensación de danos polos ataques da especie
A Xunta lamenta que, ao contrario do que ocorre noutras rexións, na galega non se poden realizar accións de control malia os danos recorrentes en explotacións gandeiras pola suspensión da orde que regula estas medidas por parte do TSXG
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salienta que a comunidade vai estar do lado dos gandeiros e defender os seus intereses ao entender que é compatible a protección do sector coa conservación desta especie silvestre
Santander, 30 de xaneiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe nunha reunión de distintos conselleiros autonómicos con competencias na xestión da fauna silvestre onde anunciou que Galicia se vai persoar no procedemento derivado do recurso presentado polo Defensor do Pobo ante o Tribunal Constitucional contra a lei estatal de desperdicio alimentario que permitiu a retirada do lobo ao norte do río Douro do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). Deste xeito, súmase a outras comunidades do norte de España que xa decidiran presentarse como parte interesada nesta cuestión.
A responsable autonómica destacou a sintonía que houbo entre os participantes no encontro -ademais de Galicia estiveron representantes de Cantabria, País Vasco, A Rioxa, Castela e León, Aragón e Madrid- e lembrou que a normativa que supuxo a saída da especie do Lesrpe foi aprobada por maioría no Congreso dos Deputados, cumprindo en todo momento a lexislación vixente neste tipo de procedementos.
Neste sentido, incidiu en que a aprobación desa disposición adicional sobre o lobo fixo xustiza e deu resposta ao que as comunidades lobeiras ao norte do Douro levaban reclamando desde 2021, cando o Goberno central decidiu, por motivos ideolóxicos e de xeito arbitrario -sen informes científicos nin técnicos que o avalasen-, incluír a especie no Lesrpe. Esa decisión, elevando o seu nivel de protección, impedía adoptar medidas de control sobre a especie incluso en casos de danos recorrentes ás explotacións gandeiras, o que complicaba o desenvolvemento da súa actividade.
Coexistencia
As comunidades coincidiron na necesidade de acadar a convivencia e a coexistencia entre o lobo e o sector agrogandeiro e lembraron que os informes autonómicos sobre o estado da especie revelan que o seu estado ao norte do Douro é favorable. De feito, censuraron que o Goberno central incumpriu a obriga de remitir o informe sexenal sobre o estado de conservación da especie en xullo do ano pasado, e tampouco o trasladou tras pedir prórrogas ata setembro e decembro.
Ángeles Vázquez lamentou que o Executivo central estea a dilatar ese envío porque os resultados dos informes remitidos por Galicia e outras comunidades non son os que el desexaría pois establecen de maneira clara e inequívoca que o estado das poboacións de lobo no norte de España é favorable.
Por iso, as autonomías participantes no encontro urxiron a convocatoria dunha Conferencia sectorial monográfica sobre a xestión do lobo, co fin de abordar asuntos pendentes como a aprobación dese informe sexenal presentado polas comunidades lobeiras que debe enviarse a Bruxelas.
Nesta liña, tamén lamentaron que o Executivo central non estea a ser dilixente no reparto dos fondos para axudas de prevención e para compensar os danos causados polo lobo ás explotacións gandeiras. No caso de Galicia, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico débelle xa 12 millóns de euros, os correspondentes aos exercicios 2022, 2023 e 2025.
Situación complicada
Ángeles Vázquez expuxo o complicado escenario no que se atopa Galicia, cunha poboación de lobo ibérico formada por un total de 93 mandas, segundo o censo desta especie elaborado pola Xunta en 2022, con presenza en máis do 90% do territorio. Polo tanto, o seu estado de conservación é favorable, como acredita o feito de que os ataques desta especie aumentasen un 72% en relación con 2021 e as reses afectadas subisen un 55%. Isto equivale a que cada día son atacados polo lobo nove animais.
A conselleira subliñou que a situación é especialmente delicada pois malia esa saída do lobo ao norte do Douro do Lesrpe e a diferenza do que ocorre no resto de comunidades autónomas do norte de España, Galicia non pode realizar accións de control da especie pola suspensión por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) da resolución pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2025-2026.
Esa resolución supoñía retomar o plan de xestión do lobo que estivera vixente en Galicia ata 2021 e permitía autorizar -en caso de danos recorrentes e convenientemente xustificados ás explotacións gandeiras- accións como esperas, batidas ou monterías.
Neste sentido, Ángeles Vázquez defendeu que Galicia vai seguir do lado dos gandeiros defendendo os seus intereses ante o TSXG, aportando todos os argumentos dispoñibles e trasladando a preocupación de concellos e asociacións veciñais ante a proximidade do lobo a núcleos habitados, téndose rexistrado incluso ataques a cans. Farao, dixo, porque é compatible a protección do sector agrogandeiro coa conservación da especie.