Nadela celebra esta fin de semana a Feira do entroido, organizada pola asociación veciñal de San Xoán de Pena co apoio da Xunta

A Delegación Territorial acolleu a presentación da cita, que contará con postos de venda de produtos de artesanía e alimentación, animación musical, concurso de disfraces e un xantar popular a base de cocido

Lugo, 2 de febreiro de 2026

Nadela (Lugo) acolle esta fin de semana – sábado 7 e domingo 8 de febreiro - unha nova edición da Feira do Entroido, promovida pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de San Xoán de Pena. A Xunta colabora coa iniciativa.

A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación das actividades, coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e representantes da organización. A cita contará con postos de exposición e venda de produtos de artesanía e de alimentación, animación musical durante toda a xornada e concurso de disfraces.

A apertura dos postos será o sábado ás 9,30 horas. Ás 13,15 horas lerá o pregón a corguesa Benedicta Sánchez, gañadora dun premio Goya á mellor actriz revelación no ano 2020 polo seu papel na película O que arde.

Pola tarde continuará a festa cun baile e concurso de traxes de Entroido, nas modalidades infantil, de adultos e grupal. Como novidade, este ano tamén haberá premios para os postos e expositores mellor decorados. Ademais, durante todo o día despacharanse filloas elaboradas por filloeiras de Muimenta.

Para o domingo está previsto o Gran Cocido da Carballeira, seguido dun baile. O recinto feiral contará cunha carpa para acoller as actividades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/02/2026