Belén do Campo destaca o apoio da Xunta de case 430.000 € a cinco polígonos industrias da comarca do Barbanza para mellorar a súa competitividade
Belén do Campo lembrou que mañá a Xunta de Galicia convocará de novo estas axudas para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais por un importe de 3,1 millóns de euros
A delegada da Xunta visitou este parque empresarial do Barbanza beneficiario da última orde para a mellora das súas Infraestruturas. Tamén recibiron estas achegas os polígonos empresariais Boiro, Rianxo, Noia e Ribeira
A representante do Goberno autonómico explicou que estas axudas contribúen á modernización das instalacións dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade
A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 2 de xaneiro de 2026
A delegada da Xunta Belén do Campo, reuniuse hoxe con representantes da entidade de conservación do polígono industrial da Tomada que preside, Isabel Cañas, para poñer en valor o apoio da Xunta aos polígonos industriais para potenciar a súa competitividade. Neste senso, explicou que este parque recibiu máis de 110.000 euros en apoios do Goberno galego para obras de pavimentación.
Belén do Campo referiuse ao proxecto executado da orde para a mellora das Infraestruturas dos parques empresarias co que se levou a cabo o fresado das zonas asfaltadas para posteriormente aplicar una capa asfáltica, de 5 cm de espesor, e o posterior repintado e colocación de sinais. Actuouse nun viario interior que corresponde á primeira fase do polígono sobre un tramo aproximado de 600 metros.
Neste senso, a delegada destacou que esta orde permitiu realizar actuacións en 5 concellos, ademais de na Pobra do Caramiñal, no polígono de Boiro con case 110.000 euros, en Rianxo máis de 34.000 euros, en Noia con case 80.000 euros e en Ribeira con máis de 94.000 euros. En total, esta comarca recibiu case 430.000 para a mellora dos viarios destes parques empresariais.
Na provincia da Coruña foron beneficiarios destas achegas 27 polígonos industriais, con 28 axudas, por un importe de case 2,4 millóns de euros.
Belén do Campo explicou que estas axudas contribúen á modernización das instalacións dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade. Neste sentido, trátase de ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local.
Orde 2026
A representante do Goberno autonómico anunciou que mañá, a Xunta de Galicia convocará de novo estas axudas para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais por un importe de 3,1 millóns de euros.
Belén do Campo explicou que estas axudas cobren ata o 80 por cento do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas. Como novidade, sinalou que este ano tamén se poderán destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos do parque empresarial para contribuír á súa integración paisaxística.
Xunto con isto, as axudas cobren a implantación e melloras na iluminación pública nas plantas de depuración de augas e nos colectores con vertedura á depuradora municipal; na xestión de residuos dentro do parque empresarial; nas infraestruturas viarias ou nos servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.
A delegada destacou que a Xunta está facendo un enorme esforzo para executar máis metros cadrados de solo industrial en Galicia alí onde neste momento hai máis demanda. E recoñeceu que isto hai que acompañalo de apoio económico para os concellos que contan xa con parques empresariais en funcionamento onde é necesario acometer obras de mellora.
Actualmente, o Goberno galego está tramitando máis de 8 millóns de metros cadrados de solo industrial, dos cales, 2 millóns son na provincia da Coruña con actuacións como as ampliacións do polígono de Bértoa, en Carballo, e da Sionlla, en Santiago de Compostela ou a urbanización das derradeiras fases do parque empresarial de Morás, no concello de Arteixo.