O conselleiro de Sanidade, xunto co xerente do Servizo Galego de Saúde e o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), interveu no acto de entrega dos premios de investigación en saúde transfronteirizos Galicia-Norte de Portugal
Gómez Caamaño destaca a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un polo de enorme potencial investigador para impulsar a innovación sanitaria ao servizo da cidadanía
Felicita os premiados no marco do proxecto Transfire Saúde, centrado na investigación traslacional, que conecta o coñecemento científico coa práctica clínica
Resalta o envellecemento da poboación, a cronicidade ou a medicina personalizada como retos compartidos do proxecto interrexional, cun orzamento de 1,8 M€ e o cofinanciamento da Unión Europea
Sitúa como obxectivos da investigación sanitaria ofrecer mellores diagnósticos, mellores tratamentos e unha atención máis eficaz e humana
Remarca que Galicia vai ser pioneira en tratar na sanidade pública a arredor de 250 pacientes ao ano, entre eles, a persoas do norte de Portugal, que desenvolve xa o seu propio proxecto
Ademais de traxectorias emerxentes e de recoñecer un proxecto de investigación do Norte de Portugal, os proxectos de investigación sanitaria en atención primaria premiados foron Gravicap, sobre metabolismo e risco cardiovascular, e Simoa, de estratitifación biolóxica precoz do deterioro cognitivo
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe o potencial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un polo de enorme potencial investigador para impulsar a innovación sanitaria ao servizo da cidadanía.
Así o sinalou no acto de entrega dos Premios de investigación en saúde transfronteirizos Galicia-Norte de Portugal, que tivo lugar no edificio docente Roberto Novoa Santos de Santiago de Compostela, no que tamén participou o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, e o xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández Campa.
O responsable da sanidade pública destacou o talento investigador que se fomenta con estes premios, no marco do proxecto Transfire Saúde, que pon o foco no talento investigador do sistema sanitario e a colaboración transfronteiriza en ámbitos clave como a investigación biomédica, a saúde pública ou a innovación sanitaria.
O obxectivo principal é, como sinalou o conselleiro, trasladar o coñecemento científico á práctica clínica.
Gómez Caamaño felicitou os finalistas polos seus proxectos por contribuír a que a investigación en saúde non sexa un exercicio teórico, senón unha ferramenta fundamental para ofrecer mellores diagnósticos, mellores tratamentos e unha atención máis eficaz e máis humana.
Os traballos recoñecidos hoxe
Na modalidade de Proxectos de Investigación Sanitaria en Atención Primaria resultou gañador o proxecto Gravicap, sobre metabolismo e risco cardiovascular. O segundo premio foi para o proxecto Simoa, de estratificación biolóxica precoz do deterioro cognitivo en atención primaria mediante biomarcadores séricos ultrasensibles.
Na categoría de Traxectorias Emerxentes de Investigación en Saúde, o primeiro premio foi outorgado a Alexis Moscoso Rial, da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, e o segundo a Marina Oviaño García, da Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Inibic.
Por último, no ámbito das Investigacións do Norte de Portugal, o proxecto premiado foi o de José Alexandre Ribeiro de Castro Ferreira.
Retos compartidos
O conselleiro de Sanidade resaltou o proxecto de cooperación interrexional Transfire Saúde, que conta cun orzamento de 1,8 millóns de euros e cofinanciamento da Unión Europea, a través do Programa FEDER de Galicia 2021-2027, que aposta por abordar de forma conxunta retos compartidos como o envellecemento da poboación, a cronicidade ou a medicina personalizada.
Gómez Caamaño fixo referencia, neste marco, a varias iniciativas que demostran que a cooperación transfronteiriza é unha auténtica oportunidade para transformar a sanidade e que confirman a Eurorrexión como un gran polo de investigación e innovación sanitaria. En concreto, o programa PRIS-T, que permitiu apoiar 12 proxectos con alto potencial de transferencia á práctica clínica, ou o proxecto INNOV4LIFE, centrado na validación de solucións innovadoras en contornos reais.
Antes de finalizar, o responsable da sanidade no Goberno galego subliñou a accesibilidade universal ao sistema sanitario como un valor compartido na Eurorrexión. En particular, o Centro de Protonterapia de Galicia tratará na sanidade pública 250 pacientes ao ano, entre eles, do Norte de Portugal, mentres o país luso tamén está a desenvolver o seu propio proxecto.