A Xunta abre mañá a convocatoria do Plan Director de Patrocinios para a programación do Xacobeo 2027
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio desta medida para proxectos vinculados á programación oficial, incluíndo iniciativas preparatorias en 2026, as de 2027 e as que, pola súa continuidade, poidan estender o seu impacto durante 2028
A convocatoria está dirixida a operadores económicos con experiencia acreditada na produción de eventos de impacto e poden presentar proxectos musicais e artísticas, exposicións, iniciativas de divulgación, deportivas, entre outros
A Xunta avanza así na organización do Xacobeo 2027 con previsión, reforzando a seguridade xurídica do procedemento e impulsando a colaboración público-privada
Santiago de Compostela, 04 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da convocatoria dos proxectos do Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 coa intención de recoller propostas de eventos vinculados á programación oficial do Xacobeo, co fin de ser avaliados e, no seu caso, patrocinados pola administración autonómica, conforme ao disposto en dito plan. O prazo de presentación será de tres meses contados desde o día seguinte á publicación do anuncio da convocatoria no DOG, é dicir, desde mañá xoves 5 de febreiro.
Como se indica na convocatoria –que está dispoñible ao completo na páxina web de Turismo de Galicia- as propostas presentadas terán por finalidade permitir á Xunta dispoña de información necesaria para seleccionar os proxectos máis idóneos e, no seu caso, iniciar os procedementos contractuais de patrocinio, que terá a natureza de contrato privado de patrocinio publicitario.
En particular, esta convocatoria, vai dirixida á selección de eventos de gran impacto, polo tanto actividades e iniciativas patrocinadas deberán consistir en representacións ou actuacións concretas, singulares ou únicas polo seu obxecto no seu xénero, con identidade propia atendendo ás súas características, por razóns artísticas, técnicas ou de protección de dereitos exclusivos, aspectos que deberán xustificarse en cada caso. É de aplicación ás actividades e eventos vinculados á programación oficial do Xacobeo 2027, incluíndo iniciativas preparatorias previstas para o ano 2026 e aquelas que, pola súa continuidade, poidan estender o seu impacto durante o ano 2028.
Variedade de propostas
As propostas deberán encadrarse, de forma orientativa e non exhaustiva, nos ámbitos de actuación definidos no Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027, incluíndo a celebración de actuacións musicais e artísticas, iniciativas de divulgación, exposicións e edición. Tamén no ámbito do patrimonio material e inmaterial, tamén turismo e eventos singulares de proxección internacional, así como deporte e vida saudable ou Iniciativas de innovación, ciencia, tecnoloxía e creatividade. Segundo se indica na convocatoria, a entidade convocante poderá valorar tamén aquelas propostas singulares que, aínda non encaixando estritamente nas categorías anteriores, resulten coherentes cos obxectivos, prioridades e identidade do Xacobeo 2027.
A convocatoria ten carácter aberto, estando dirixida a operadores económicos con experiencia acreditada na organización e produción de eventos de impacto. Poderán concorrer individualmente ou de maneira conxunta, sempre que se garanta unha coordinación efectiva e unha repartición clara de responsabilidades.
De acordo coa distribución temporal prevista no punto anterior e para os efectos de planificación e coherencia coa programación do Xacobeo, establécense diferentes prazos. Así, para os eventos que se vaian desenvolver ao longo do ano 2026 e eventos previstos para os anos 2027 e 2028 e directamente vinculados ao Xacobeo 2027, o prazo de presentación será de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Como se indica na convocatoria, aquelas iniciativas que, pola súa natureza ou oportunidade, conten con patrocinios privados acreditados e sexan consideradas de especial interese estratéxico para Galicia, poderán ser presentadas en prazo aberto durante todo o período 2026–2028. O novo Plan director de Patrocinios do Xacobeo 2027 posto en marcha pola Xunta indica, ademais, que os patrocinios que se acorde realizar formalizaranse mediante contratos privados de patrocinio publicitario, consonte ao previsto na Lei 9/2017, de contratos do sector público.
Folla de ruta clara e compartida
Coa posta en marcha desta medida, a Xunta de Galicia avanza na programación do Xacobeo 2027 con ferramentas que permitan ordenar e sistematizar o proceso, dote de seguridade xurídica e permita traballar con máis previsión, garantindo a igualdade de oportunidades para os operadores e maximizando o impacto social, cultural, turístico e económico do Xacobeo 2027.
De xeito paralelo a este Plan de Patrocinios, a Xunta de Galicia traballa para que o Ministerio active canto antes o programa de beneficios fiscais para as empresas patrocinadoras. Ademais, durante este ano 2026 lanzarase unha nova liña de axudas, dotada de 3 millóns de euros, para incentivar a participación das empresas privadas e sociedade civil na programación desta cita.