A Xunta impulsa a 5ª edición do mercado de segunda man O Tinglado os días 21 e 22 de febreiro en Pontevedra

O delegado territorial e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade ofreceron unha rolda de prensa para explicar os detalles sobre esta iniciativa

A acción busca fomentar a economía circular e a redución de residuos dando unha segunda vida a obxectos e prendas que permanecen en desuso nos fogares

Pontevedra, 4 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, informaron hoxe en rolda de prensa sobre a iniciativa O Tinglado, un mercado circular entre particulares que ten como obxectivo fomentar a reutilización, o consumo responsable e a economía circular.

Ambos representantes destacaron que esta iniciativa -que chega por primeira vez a Pontevedra- ten como finalidade dar unha segunda vida a obxectos e prendas que permanecen en desuso nos fogares, favorecendo que poidan seguir sendo útiles en mans doutras persoas. Trátase dun modelo de consumo de proximidade, sen intermediarios, que aposta pola participación directa da veciñanza e pola dinamización local.

María José Echevarría subliñou que iniciativas coma esta contribúen a alongar a vida útil dos produtos, reducir a xeración de residuos e avanzar cara a un modelo máis sostible, no que a cidadanía teña un papel activo nas decisións de consumo. Nese sentido, puxo en valor o carácter aberto e gratuíto do Tinglado, tanto para as persoas vendedoras como para as compradoras.

Pola súa banda, Agustín Reguera salientou a importancia de achegar este tipo de proxectos ás cidades galegas, favorecendo a implicación da poboación e reforzando o compromiso da Xunta coa sustentabilidade ambiental e a economía circular a nivel local.

O Tinglado iniciou a súa andaina en decembro de 2024 na cidade de Vigo e foi evolucionando ao longo de 2025 con distintas edicións celebradas na Coruña, Ferrol e tamén no marco de eventos singulares como a Pantin Classic Galicia Pro, en Valdoviño.

A participación como vendedor realízase a través dun formulario web (otinglado.gal). As prazas son limitadas e outórganse por estrita orde de chegada das solicitudes. A organización encárgase de facilitar aos participantes o material necesario —mesa, cadeiras e burro— así como un espazo delimitado para a venda dos seus artigos. Ademais, no acceso ao recinto habilítase un código QR para recoller a opinión de vendedores e compradores, co obxectivo de introducir melloras en futuras edicións.

En Pontevedra, a iniciativa terá lugar os días 21 e 22 de febreiro nas instalacións de Afundación.

Plan de residuos municipais

A celebración do Tinglado enmárcase no Plan sectorial de xestión de residuos municipais de Galicia 2030, co que a Xunta busca implicar ás entidades locais na implantación dun modelo circular que contribúa a cumprir coas exixencias normativas neste eido. Con este plan o Goberno galego aspira a reducir en 2030 un 15 % a xeración de refugallos respecto a 2010, un 50 % os residuos alimentarios por persoa na venda retallista e aos consumidores e un 20 % as perdas de alimentos ao longo das cadeas tanto de produción como de subministración.

Co anterior plan, entre outros aspectos, Galicia reduciu máis dun 5 % a produción de residuos e os enviados a vertedoiro descenderon case un 37 %, co que a comunidade se sitúa por debaixo da media estatal e está próxima á media europea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2026