A Xunta destina máis de 25.500 euros á mellora das instalacións de tres asociacións veciñais no concello de Marín

Preto de 160 entidades da provincia de Pontevedra recibiron un total de máis de 1,7 millóns de euros para mellora das súas instalacións e compra de material

O delegado territorial destacou o importante papel deste tipo de entidades para a dinamización dos barrios

Pontevedra, 4 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou as instalacións da Asociación Veciñal O Campo, no concello de Marín, que foi beneficiaria dunha axuda de preto de 12.000 euros da Xunta para a mellora das súas infraestruturas.

Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de administración local, permitiron realizar labores de mantemento da casa cultural O Campo, de forma a garantir a súa utilidade e conservación. Así, grazas á achega da Xunta, a edificación poderá seguir sendo utilizada para albergar reunións veciñais e actividades culturais de todo tipo. 

No conxunto do concello de Marín foron tres as entidades beneficiarias por estas axudas, cun investimento total de máis de 25.500 euros.

A nivel provincial, estas subvencións chegaron a un total de 160 entidades da provincia de Pontevedra, cunha achega global de máis de 1,7 millóns de euros entre a liña destinada á execución de obras e a orientada á compra de material.

Durante a visita, o delegado territorial destacou a o “importantísimo papel que xogan este tipo de asociacións na conservación dos recursos populares e na dinamización dos seus barrios”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2026