A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, xunto ao titular de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe no VII Congreso Nacional Empresa 360º
Lorenzana defende que o diálogo entre o ámbito xurídico, o empresarial e o institucional é esencial para o desenvolvemento industrial de Galicia
“Galicia quere ser parte activa desa Europa que avanza, que innova e que non renuncia á súa base industrial”, afirma
Subliña a importancia da seguridade xurídica: “As empresas necesitan marcos normativos claros, estables e previsibles para investir, innovar e crecer”
Corgos pon en valor o feito de que Galicia sexa a primeira rexión europea en aprobar unha lei que regula o uso da IA na Administración e promove a súa implantación en todos os ámbitos
A Coruña, 5 de febreiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considerou hoxe que o diálogo entre o ámbito xurídico, o empresarial e o institucional é esencial para o desenvolvemento industrial de Galicia. “Xunto á industria, a sustentabilidade e o coñecemento, hai un elemento transversal imprescindible: a seguridade xurídica. As empresas necesitan marcos normativos claros, estables e previsibles para investir, innovar e crecer”, afirmou.
Lorenzana interveu hoxe na inauguración do VII Congreso Nacional Empresa 360º, onde destacou que “Galicia quere ser parte activa de esa Europa que avanza, que innova e que non renuncia á súa base industrial”, Non obstante, subliñou que “a regulación europea ten que acompañar o tecido produtivo, especialmente ás pemes, ofrecendo seguridade xurídica, prazos razoables e mecanismos eficaces de apoio. Do contrario -engadiu-, corremos o risco de perder competitividade fronte a outras rexións do mundo”.
A conselleira apuntou que a industria en Galicia representa en torno ao 17 por cento do PIB fronte a unha media nacional próxima ao 15 por cento, e xera máis de 200.000 empregos directos e indirectos. E tamén destacou que é unha comunidade líder en enerxías renovables, con máis do 60 por cento da electricidade producida a partir deste tipo de fontes, o que supón unha vantaxe estratéxica para atraer proxectos industriais intensivos en consumo enerxético.
Finalmente, na súa intervención, remarcou a importancia de contar cunha universidade que forme talento adaptado ás novas demandas do mercado laboral porque, abondou, “vivimos unha profunda transformación tecnolóxica, coa intelixencia artificial e a dixitalización redefinindo procesos produtivos, modelos de negocio e relacións laborais”. Ao respecto, considerou que Europa debe liderar esta transformación “desde os seus valores, combinando competitividade con cohesión social e protección de dereitos”, concluíu.
A Galicia dixital
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, explicou que Galicia se sitúa nunha posición de privilexio ante a cuarta revolución industrial, que vai máis alá do período de dixitalización e implantación das TIC nos sectores públicos e nos sectores produtivos, grazas ao desenvolvemento das novas tecnoloxías intelixentes.
Miguel Corgos explicou que a situación periférica e a particular orografía e dispersión condicionaron o desempeño de Galicia durante a “terceira revolución”, xa que o esforzo tivo que centrarse en “vertebrar e conectar o territorio, achegar a Administración e os servizos públicos a toda a poboación e reducir os efectos das distancias.” Porén, nesta nova etapa “fomos capaces de anticiparnos” e a Comunidade galega conta “cun sector tecnolóxico en constante crecemento e con capacidade competitiva.”
A Estratexia Galicia Dixital 2030 é a folla de ruta para poñer estas tecnoloxías ao servizo do benestar das persoas e da creación de riquezas. Trátase da terceira axenda que Galicia desenvolve, “empezando polos desafíos de conectividade do territorio ou a capacitación dixital das persoas”, afirmou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, “ e seguindo coa “dixitalización da Administración e dos servizos públicos.”
Miguel Corgos puxo tamén en valor o feito de que Galicia sexa a primeira rexión europea en aprobar unha Lei que regula o uso da IA na Administración e promove a súa implantación en todos os ámbitos.