Miguel Corgos destaca que as bonificacións en vivenda aprobadas pola Xunta desde 2016 permitiron aos galegos un aforro total de case 227 M€

Resaltou que, no seu primeiro ano de vixencia, 2.000 contribuíntes xa se beneficiaron tamén da redución do Imposto de Sucesións para parentes do grupo III

Subliñou que Galicia é un territorio fiscalmente competitivo, cuns colectivos prioritarios á hora de tomar decisións en política fiscal: as rendas medias e baixas, os menores de 36 anos, as familias numerosas, os colectivos vulnerables e, desde o 1 de xaneiro, tamén as familias monoparentais

O conselleiro de Facenda e Administración Pública clausurou as XIV Xornadas Técnicas de Fiscalidade e Contabilidade

A Coruña, 6 de febreiro de 2026

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe, durante a clausura das XIV Xornadas Técnicas de Fiscalidade e Contabilidade, que as bonificacións en materia de vivenda aprobadas pola Xunta desde 2016 permitiron aos galegos un aforro total de case 227 millóns de euros.

O conselleiro de Facenda subliñou así o esforzo continuado de incentivo fiscal no acceso á vivenda levado a cabo polo Goberno galego, mantendo tipos reducidos para os menores de 36 anos, familias numerosas, persoas con discapacidade e outros colectivos vulnerables como as vítimas de violencia machista. “Estes tipos reducidos van desde o 7%, o 5%, o 3% e ata o 0%, é dicir, non pagan nada se a vivenda que se compra está no medio rural, en zonas con menor densidade de poboación”, explicou, recordando que, deste xeito, a galega é a comunidade con menor tributación para comprar unha vivenda habitual no rural e na que menos impostos pagan estes colectivos prioritarios.

Así mesmo, explicou que estes tipos reducidos aplícanse cunha limitación de patrimonio que sube ata os 240.000 euros, para axustalo a valores actuais. Unha medida que tamén inclúe ás familias monoparentais e que se aplica ademais á compra dun local comercial con destino a vivenda.

Logo de recordar  a rebaixa do ITP do 10% ata o 8%, Corgos fixo fincapé en que o acceso á vivenda en xeral, e especialmente para a mocidade, é prioritario para o Goberno galego. O obxectivo é duplicar o parque actual, poñendo a disposición da cidadanía 8.000 vivendas de promoción pública. Para iso, explicou, “nas contas de 2025 xa se triplicaron os recursos nesta materia, con continuidade nas contas deste ano” e nos exercicios seguintes.

 “Bonificamos ao 100% o Imposto de Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados para operacións de vivenda protexida realizadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e as sociedades públicas autonómicas, para rebaixar o custo de promover vivenda pública”, dixo, destacando ademais as medidas adoptadas para dinamizar o mercado de aluguer da vivenda.

Unha das comunidades con mellor tratamento fiscal no Imposto de Sucesións

Ao longo da súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública resaltou que Galicia conseguiu tamén consolidarse como unha das comunidades con mellor tratamento fiscal no Imposto de Sucesións. Non en van, o 99,9% das herdanzas dun familiar directo non tributan e, desde o ano pasado, a comunidade sitúase entre as CC.AA. con mellor trato a parentes do grupo III: os primeiros 25.000 euros entre irmáns, tíos, sobriños, sogros, cuñados, xenros e noras, non pagan nada.

Sobre este última iniciativa, avanzou que, no seu primeiro ano de vixencia, xa se beneficiaron desta redución máis de 2.000 contribuíntes.

Por último, Corgos lembrou tamén o compromiso da Xunta para facilitar a transmisión interxeracional de empresas e negocios, ao contar, xa dende o 2010, cunha redución na base impoñible do 99% para a transmisión por herdanza ou doazón de empresas familiares ou de participación nelas, moito máis vantaxosa que a existente a nivel estatal e na maioría das comunidades.

O conselleiro de Facenda concluíu poñendo en valor o modelo fiscal galego, que achega estabilidade e permite dar seguridade a empresas e cidadáns. Un modelo consolidado e sostible que toma medidas axeitadas á conxuntura económica de cada momento, que aposta por aproveitar e exercer a súa autonomía fiscal e que fai compatibles os alivios fiscais co reforzo da sanidade, da educación e dos servizos sociais.

“E todo este traballo permite que, hoxe, Galicia sexa un territorio fiscalmente competitivo, cuns colectivos prioritarios á hora de tomar decisións en política fiscal: as rendas medias e baixas, os menores de 36 anos, as familias numerosas, os colectivos vulnerables e, desde o 1 de xaneiro, as familias monoparentais tamén”, abundou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2026