A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e o delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, visitaron a ludoteca do CEIP Vista Alegre de Burela

A Xunta apoia con 400.000 euros actividades de igualdade das ANPAS coas que prevé chegar a 36.000 menores e 20.000 familias

Mañá ábrese o prazo dun mes para solicitar as axudas ao abeiro desta convocatoria

Fináncianse programas para familias e para alumnado co obxectivo en materias de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero

Burela (Lugo), 9 de febreiro de 2026

A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, destacou esta tarde o obxectivo do Executivo autonómico de seguir impulsando a formación e sensibilización en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros educativos. Díxoo durante unha visita á ludoteca do CEIP Vista Alegre de Burela, posta en marcha pola ANPA, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.

María Quintiana informou de que a Xunta destinará este ano 400.000 euros a financiar actividades de formación, sensibilización e información das familias que desenvolvan Asociacións de Nais e Pais (ANPAS). Precisamente, o Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a orde destas axudas, que está financiada con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Así, a directora xeral avanzou que con estas axudas, o Goberno galego prevé chegar a 36.000 menores e 20.000 familias a través de 130 ANPAS.

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é de 3.000 euros para solicitudes de ANPAS que se presenten de xeito individual e de 6.000 euros para as peticións de federacións ou confederacións de ANPAS. O prazo de solicitude será dun mes, contado a partir de mañá para presentar as súas solicitudes. Deberán facelo obrigatoriamente por medios electrónicos, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. 

Algunhas das actividades financiadas nos últimos anos para familias foron, por exemplo, programas de educación sexual, novas tecnoloxías e prevención da violencia de xénero, así como redes sociais e adolescencia e autoestima e corpo. No que se refire a actividades destinadas ao alumnado: redes socias en igualdade, educación afectivo sexual, educación emocional ou radio educativa para promover a igualdade, entre outras.

A ANPA de Burela, un exemplo

Precisamente,  caso da ANPA do CEIP Vista Alegre de Burela, en 2025 contou cunha axuda de preto de 3.000 euros ao abeiro destes fondos co que desenvolveron o Programa Lúcido 2 en Igualdade, un proxecto formativo dirixido ás familias e nenas e nenos de entre 3 e 12 anos, no que participaron 220 familias e 293 rapazas e rapaces. Tratouse dunha proposta coeducativa con catro tipo de actividades divididas en trinta sesións onde se traballaron os estereotipos e a violencia de xénero presentes na nosa, promovendo pautas para identificala e promover relacións saudables e igualitarias entre idades temperás.

A directora xeral felicitou a todo o equipo de ANPA por un traballo excelente e por se un exemplo de como desenvolver programas e actividades que teñen un impacto positivo tanto no alumnado como nas familias. Do mesmo xeito, lembrou que a Ludoteca que visitou xunto ao delegado territorial está financiada tamén a través doutra liña da Xunta de Galicia, neste caso fondos do Plan Corresponsables, cofinanciados entre Ministerio de Igualdade e Xunta de Galicia, e que en 2025 recibiu preto de 13.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2026