A Xunta impulsa melloras na pista deportiva de Carral cunha achega de 35.000 euros
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou o concello para comprobar as obras realizadas a través da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros
A iniciativa enmárcase no apoio do Goberno galego ao eido local e especialmente ás instalacións deportivas, fundamentais para o mantemento dunha vida activa e saudable
Carral (A Coruña), 9 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe Carral para comprobar as melloras executadas na pista deportiva exterior co apoio da Xunta. A través da orde de infraestruturas de uso público de 2025, o Goberno galego destinou 35.000 euros ao revestimento e marcado de liñas segundo a normativa federativa, á instalación de iluminación con focos Led na zona cuberta e á creación dun novo cadro eléctrico en caixa estanca. O orzamento total das obras ascendeu a 50.000 euros.
Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo é mellorar a seguridade, a funcionalidade a vida útil dunha infraestrutura fundamental no fomento da práctica deportiva. Diego Calvo enmarcou a medida no compromiso da Xunta cos concellos e, de xeito especial, no apoio ás infraestruturas deportivas municipais pola súa importancia no desenvolvemento dunha vida activa e saudable entre a poboación.
Así, a orde de infraestruturas de uso público é unha das convocatorias a través das que se poden impulsar estas dotacións. Dotada con 3,5 millóns de euros, está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes “co obxectivo de garantir o equilibrio territorial e que a poboación galega teñan unhas óptimas condicións de vida con independencia do seu lugar de residencia”, apuntou.
As achegas concedidas a través desta orde poden cubrir ata o 80% do gasto de creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. O pasado ano esta medida permitiu impulsar 103 proxectos municipais en toda Galicia, 34 deles na provincia da Coruña.
Diego Calvo lembrou que, a maiores da orde de infraestruturas de uso público, o Goberno galego abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos, como o Fondo de Compensación Ambiental, que este exercicio aumenta o orzamento a 11,4 millóns de euros e cuxa convocatoria xa está aberta, ou a liña de apoio a proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, cunha dotación que tamén medra en 2026 e ascende a 10 millóns de euros. A elas súmase o Fondo de Cooperación Local, que segue subindo e chega a 187 millóns de euros, un 12% por riba de 2025. O conxunto das medidas de apoio ao eido local permitiu o pasado ano impulsar preto dun milleiro de proxectos en toda Galicia promovidos por concellos ou por entidades veciñais.
Neste marco de acción, o Goberno galego investiu en Carral preto dun millón de euros nos últimos anos.