Corgos garante o compromiso co tecido empresarial galego para que poida seguir medrando, innovando, modernizándose e xerando emprego de calidade
O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou no acto sobre a situación do financiamento público na Comunidade do Círculo de Empresarios de Galicia
Subliñou que ter orzamentos en vigor desde o primeiro día do ano permite que estean activas xa as principais liñas de axuda do IGAPE, que suman máis de 180 M€, un dos maiores paquetes de apoio empresarial anticipados postos en marcha
Recordou que a Xunta está a deseñar a Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, coa que se prevén mobilizar máis de 400 M€
Destacou tamén unha achega de 10 M€ para incorporar a intelixencia artificial na mellora dos procesos industriais e na comercialización de novos produtos e servizos
Lembrou que a visión que inspira a política económica da Xunta é xerar unha tripla alianza estable entre o público, o privado e a sociedade para impulsar o modelo industrial de Galicia, baseado na sustentabilidade, na dixitalización e na internacionalización
Vigo, 10 de febreiro de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, garantiu hoxe, durante o acto sobre a situación do financiamento público na Comunidade, organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, o compromiso do Goberno galego coa constante mellora do tecido empresarial na comunidade para que poida seguir medrando, innovando, modernizándose e xerando emprego de calidade.
Nesta liña, referiuse nun primeiro termo á importancia de ter uns orzamentos en vigor e adaptados ás necesidades do momento actual. En relación ao Goberno central, dixo: “Non podemos normalizar que dea igual xestionar con ou sen orzamentos. As contas públicas son a principal ferramenta dunha Administración e, en 2026, non se pode xestionar cuns orzamentos deseñados para tres anos antes. Miguel Corgos incidiu en que, en Galicia, ter orzamentos en vigor desde o primeiro día do ano permite que estean activas xa as principais liñas de axuda do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), que suman máis de 180 M€, un dos maiores paquetes de apoio empresarial anticipados postos en marcha pola Xunta.
No eido da innovación e das novas tecnoloxías, Miguel Corgos recordou que o Goberno galego está a deseñar a Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028, coa que se prevén mobilizar máis de 400 M€, para dotar de maior competitividade ao tecido produtivo e situar a innovación no centro do desenvolvemento da comunidade.
Axudas para incorporar a intelixencia artificial na mellora dos procesos industriais
O conselleiro de Facenda e Administración Pública aproveitou a súa intervención para animar tamén ás empresas a aproveitar a convocatoria aberta, ata o 17 de marzo, para solicitar axudas e incorporar a intelixencia artificial na mellora dos procesos industriais e na comercialización de novos produtos e servizos. “Estamos a falar dun orzamento de 10 M€, con axudas de ata 500.000 euros”, explicou, incidindo en que se trata dun apoio moi importante, sobre todo, para as pemes, que son as que teñen máis dificultades para a súa permanente automatización e modernización.
Así mesmo, destacou a aprobación do Plan Director do sector TIC, que contará cun orzamento de 60 M€ para os vindeiros dous anos, co fin de apoiar un sector que está aumentando cada ano o seu peso na economía galega e que, desde 2020, medrou un 21%, coa entrada de 4.000 novos profesionais. E referiuse tamén ás iniciativas promovidas desde a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, para promover a Economía Dixital e Sostible, cuxos investimentos, segundo o último balance de 2024, suman xa 335,7 M€.
Unha tripla alianza entre o público, o privado e a sociedade
As axudas para a habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresarias por un importe de 3,1 M€; o servizo da Oficina Económica de Galicia, agora tamén cunha sede en Madrid; ou o proceso de simplificación administrativa que está a levar a Xunta, e que, en 2024, evitou a presentación de máis de 21,7 millóns de documentos e case 1,5 millóns de desprazamentos á cidadanía, son outros exemplos que proban o apoio da Administración autonómica ao tecido produtivo, segundo expuxo o conselleiro.
“E, neste momento, estamos traballando nunha simplificación da tramitación da inscrición no Rexistro de Contratistas Galego para conseguir que as empresas non teñan que presentar acreditación documental de determinados requisitos, como a inscrición noutros rexistros autonómicos. Así como na posta en marcha dun servizo de asistencia ou asesoramento no proceso de clasificación ante o Ministerio de Hacienda para que as empresas galegas poidan participar en contratacións públicas”, engadiu.
Miguel Corgos concluíu salientando que a visión que inspira a política económica da Xunta é xerar unha tripla alianza estable entre o público, o privado e a sociedade para impulsar o modelo industrial de Galicia, baseado na sustentabilidade, na dixitalización e na internacionalización.