A Xunta consolida a súa alianza coa Federación Galega de Comercio a prol da dinamización, formación e dixitalización do sector

José González destacou a relevancia de colaborar con axentes estratéxicos como as entidades asociativas e salientou o convenio anual entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Comercio, cun orzamento próximo aos 700.000 euros

Puxo en valor o dinamismo do comercio de Lugo, con negocios emblemáticos como Confecciones García, finalista nos Premios do Comercio Galego, Cordelería Pérez Carro e Lucus Donapel como exemplos de capacidade de adaptación aos novos retos

Tamén resaltou o impulso autonómico á formación do sector, cun investimento autonómico superior a 3,6 M€ desde 2022, que permitiu capacitar arredor de 8.000 persoas co obxectivo de potenciar a profesionalización e competitividade do comercio

Respecto do tecido asociativo, neste caso dos centros comerciais abertos, recordou que este xoves se publica no DOG a nova orde de axudas, dotada con 2,5 M€, que primará a calidade, a innovación e a capacidade de fidelización

Tamén subliñou o peso do comercio dentro do colectivo autónomo e puxo de relevo que mañá se abren as convocatorias da orde única de axudas ao colectivo (40,7 M€) e das axudas á contratación indefinida por parte de autónomos (1,3 M€)

Lugo, 10 de febreiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá a sede da Federación de Comercio de Lugo e, posteriormente, achegouse aos establecementos Confecciones García —finalista na categoría Traxectoria dos Premios do Comercio Galego 2025—, Cordelería Pérez Carro e Lucus Donapel, aos que puxo como exemplos de capacidade de adaptación aos novos retos.

Durante a visita, o conselleiro salientou a importancia de apoiar de maneira decidida o tecido comercial galego, destacando o papel estratéxico que xogan as entidades asociativas como interlocutores clave para coñecer de primeira man as necesidades reais do sector e avanzar en políticas eficaces e adaptadas ao territorio.

Neste sentido, puxo en valor o convenio que a Xunta de Galicia mantén anualmente coa Federación Galega de Comercio, froito, segundo explicou, dunha relación de confianza mutua e dunha visión compartida para fortalecer o comercio de proximidade. A través deste acordo, que se formalizará de novo en 2026 por un importe próximo aos 700.000 euros, apóianse iniciativas de dinamización e estímulo do consumo deseñadas desde o coñecemento do territorio, así como actuacións de asesoramento, formación e impulso da dixitalización, co obxectivo de avanzar na profesionalización do sector.

No ámbito da promoción comercial, o conselleiro destacou a consolidación de campañas xa consolidadas como Días Azuis ou Merca no teu comercio, que reforzan o papel do comercio local como eixo vertebrador da vida económica e social, especialmente nas localidades que non contan con asociacións comerciais.

A Federación Galega de Comercio forma parte tamén das accións de formación promovidas pola Xunta para persoas ocupadas, en colaboración cos clústeres e entidades sectoriais estratéxicas. Grazas a isto, desde 2022 destináronse máis de 3,6M€ exclusivamente ao comercio, permitindo a formación de arredor de 8.000 persoas, principalmente ocupadas. Estas iniciativas buscan impartir cualificación axustada á demanda laboral e dar resposta ás necesidades de persoal do sector, impulsando a competitividade.

Apoios autonómicos aos centros comerciais abertos

Así mesmo, no marco da visita José González subliñou o apoio aos centros comerciais abertos como ferramenta clave para a dinamización urbana e o fortalecemento do comercio local, poñendo de relevo que este próximo xoves se publica no Diario Oficial de Galicia a nova orde de achegas, dotada con 2,5 M€. A orde volverá primar a calidade e a excelencia das propostas, apostando por proxectos innovadores, avanza na simplificación administrativa e incorpora novidades nos criterios de valoración, co foco na formación, a fidelización ou a capacidade de atraer asociados. Ademais, a convocatoria prevé de novo achegas extraordinarias para ás entidades coas propostas de dinamización mellor puntuadas para apoiar de campañas adicionais con ata 20.000 euros.

Compromiso co tecido autónomo

O conselleiro tamén puxo en valor a importancia do comercio dentro do tecido autónomo e lembrou que mañá abre o prazo de solicitude tanto da orde única de axudas para o inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade autónoma (40,7 M€) como da orientada a fomentar a contratación indefinida por parte de autónomos (1,3 M€). En relación á orde unificada, destacou o reforzo do Bono Remuda, que incrementa o seu orzamento nun 20 %, ata acadar os 1,5 M€, en resposta ao auxe desta liña destinada a facilitar a transmisión de negocios. Esta medida inclúe axudas tanto para as persoas que asumen o relevo como para aquelas que traspasan o negocio por xubilación, contribuíndo así a garantir a continuidade do comercio de proximidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/02/2026