A Xunta incorpora os clubs Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial, Remo Cabo de Cruz e Ximnasia Pavillón Ourense aos núcleos de adestramento deportivo especializado
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación das 15 entidades recoñecidas para fomentar o deporte de alto nivel neste 2026
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
A Xunta incorpora o Club Tríatlon Cidade de Lugo Fluvial, o Club Remo Cabo de Cruz e o Club Ximnasia Pavillón Ourense á relación de núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE), atendendo aos acordos adaptados pola Comisión galega de avaliación de alto nivel deportivo.
Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia publicado hoxe, con estas tres novas incorporacións son un total de 15 os NADE apoiados pola Xunta neste 2026 para fomentar o deporte de alto nivel en Galicia. Na listaxe atópanse entidades dedicadas a moi diversas disciplinas como a halterofilia, o remo, o karate, o taekwondo, a ximnasia ou o squash.
Ademais dos tres clubs que se incorporan agora a este programa de alto rendemento, mantéñense entre os NADE o Club Halterofilia Coruña, o Club Fluvial de Lugo, a Federacion Galega de Karate e D.A., o Club de Loitas Olímpicas Vilalba, o Real Club Deportivo Coruña, o Club Taewkondo Sport Videlgi, o Club Santa Uxía de Ribeira, o Club de Ximnasia Universidade da Coruña, a Federación Galega de Hóckey, o Club Kakayk Tudense, o Club Boxeo Kickboxing Coruña e o Club Squash do Milladoiro.
Os NADE responden á necesidade de abarcar e promover as distintas realidades da preparación en tecnificación deportiva especializada existentes na comunidade autónoma. Engloban o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha entidade deportiva que teña por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.
Os proxectos recoñecidos correspóndense co interese estratéxico deportivo da Xunta, encamiñado á participación dos deportistas galegos en competicións internacionais de máximo nivel, incluíndo xogos olímpicos ou paralímpicos e campionatos mundiais e europeos.