A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou hoxe na reunión do Consello da calidade do aire de Galicia

A Xunta salienta que a Lei do clima reforzará a Rede de calidade do aire para mellorar a información, a previsión e a resposta ante riscos ambientais

A consolidación desta rede contribuirá á protección da saúde humana, dos ecosistemas e á adaptación aos efectos do cambio climático

Na sesión do Consello da calidade do aire aprobouse a creación de grupos de traballo específicos para traballar nas medidas precisas para o cumprimento da directiva europea que inclúe novos estándares que serán de obrigado cumprimento en 2030

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, salientou hoxe que a Lei do clima, que se publicou onte no Diario Oficial de Galicia, permitirá reforzar a Rede de calidade do aire da Comunidade co obxectivo de mellorar a información, a previsión e a capacidade de resposta ante riscos ambientais.

Deste xeito, a consolidación desta rede -integrada por todas as estacións de control, fixas e móbiles, de titularidade pública ou privada no territorio- contribuirá á protección da saúde humana, dos ecosistemas e á adaptación aos efectos do cambio climático.

Nese senso, a directora xeral fixo fincapé en que o modelo de gobernanza climática que establece a nova Lei do clima, impulsa a coordinación entre órganos e entidades públicas con competencias en meteoroloxía, climatoloxía e calidade do aire e reforza os servizos públicos que xestionan a rede de observación e control. Así, promóvese a xestión e difusión de datos que son clave para a planificación, a toma de decisións e a resposta eficaz ante riscos ambientais e episodios de contaminación ou fenómenos meteorolóxicos adversos.

A maiores, na sesión celebrada esta mañá tamén se abordou a nova directiva europea sobre calidade do aire, pendente de traspor ao ordenamento xurídico estatal, que inclúe novos estándares de calidade do aire que serán de obrigado cumprimento en 2030. Segundo dixo a directora xeral, Galicia parte dunha boa posición xa que a avaliación realizada aplicando os novos indicadores é bastante favorable aínda que haberá que seguir traballando nos próximos anos para avanzar en parámetros puntuais.

Nesa liña, na sesión do Consello da calidade do aire de Galicia celebrado esta mañá aprobouse a creación de grupos de traballo específicos para traballar nas medidas precisas para o cumprimento desa directiva.

No Consello tamén se deu conta do Informe anual da calidade do aire elaborado por MeteoGalicia a partir dos resultados obtidos para distintas partículas e contaminantes analizados ao longo de 2024. A principal conclusión é que a calidade do aire ambiente na Comunidade ese ano foi boa no seu conxunto, con resultados e niveis axeitados en comparación cos criterios definidos na lexislación vixente tanto nas grandes aglomeracións urbanas como nas áreas rurais e industriais.

De feito, en 2024 detectouse unha lixeira mellora neste eido en comparación cos resultados da análise do ano anterior e ningunha das estacións cuxos datos se tomaron como referencia para a elaboración do informe superou os valores límite para a protección da saúde humana. Ademais, ao igual que en 2023, tampouco se pasou por riba do limiar de ozono que exixe informar á poboación en ningunha destas instalacións.

Así mesmo, respecto da protección da vexetación e dos ecosistemas naturais, todas as estacións galegas capacitadas para avaliar a presenza de ozono estiveron por debaixo do valor obxectivo, incluso tamén a longo prazo.

Data de actualización: 12/02/2026