A Xunta colabora co evento lúdico e educativo 'Funtastik no limits', que se celebrará desde o día 20 no pazo de Feiras de Lugo

A Delegación Territorial acolleu a presentación da cita, que se desenvolverá durante seis días e está dirixida tanto a centros educativos como ao público en xeral

Lugo, 12 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia colabora co evento Funtastik No Limits, unha proposta lúdica e educativa que comezará o 20 de febreiro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A programación foi presentada hoxe na Delegación Territorial e contou coa participación do delegado, Javier Arias, ademais de representantes da empresa organizadora e do Pazo de Feiras.

A cita celebrarase os días 20, 21, 22, 27 e 28 de febreiro e 1 de marzo, en horario de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 horas. Os días lectivos poderán asistir centros educativos e asociacións, mentres que as fins de semana estarán destinadas ao público en xeral.

Durante estas xornadas, o Pazo de Feiras lucense converterase no maior parque multiaventura de Galicia, con espazos pensados para estimular a creatividade, o pensamento crítico e o movemento, tanto de nenos como de adultos, con actividades de construción, inchables e zonas de saltos con estruturas xigantes, circuítos de obstáculos ou unha pista de patinaxe ecolóxica, entre outras.

Funtastik No Limits incorpora tamén un obradoiro de comunicación, impartido pola asociación lucense ‘MásDebate’, e un espazo temático dedicado a “Los Pitufos” no que se desenvolverá a iniciativa “Mercar con Sentido”, centrada no consumo responsable e de proximidade e nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Esta actividade baséase en dinámicas con fichas ilustradas, mensaxes formativas, retos para compartir en familia e materiais audiovisuais. Ademais, os colexios participantes disporán dunha acción formativa e unha guía didáctica para continuar o traballo na aula.

Os centros educativos interesados en asistir ao evento deben contactar coa organización para reservar a través do teléfono 617 317 352 ou do enderezo electrónico funtastiknolimits@gmail.com, e beneficiaranse dun desconto do 50% nas entradas, que poderán mercar a 5 euros.

Os organizadores confían no éxito desta cita, que xa pensan traer novamente a Lugo en febreiro do ano que vén.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026