A Xunta impulsa nos mercados municipais a campaña ‘Nestas datas, que non sobren as sobras!’ para reducir o desperdicio alimentario no entroido

O delegado territorial e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade visitaron esta mañá a Praza de Abastos de Pontevedra para participar na iniciativa

A campaña desenvolverase nas sete cidades galegas e chegará a 15 mercados municipais con accións de sensibilización directa

Pontevedra, 13 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, visitaron esta mañá a Praza de Abastos de Pontevedra para participar na campaña Nestas datas, que non sobren as sobras!, unha iniciativa impulsada pola Xunta para concienciar á cidadanía sobre a importancia de reducir o desperdicio alimentario nos fogares durante a celebración do Entroido.

A campaña, que estará presente nas sete cidades galegas, ten como obxectivo promover un consumo responsable e consciente, especialmente nestas datas de maior gasto alimentario, lembrando que cada pequeno xesto suma para coidar mellor os recursos, a terra e o medio ambiente.

Durante a visita, María José Echevarría puxo en valor a tradición gastronómica galega, subliñando que “historicamente, a nosa cociña sempre soubo aproveitar ao máximo os alimentos a través de pratos como caldos, croquetas, empanadas ou sobremesas”, e animou a actualizar esa tradición e adaptala aos hábitos de consumo actuais, co fin de reducir as sobras e o desperdicio.

Pola súa banda, Agustín Reguera destacou a importancia de “achegar estas mensaxes directamente á veciñanza, especialmente nos mercados municipais, como espazos de proximidade, consumo responsable e produto local, nos que resulta fundamental reforzar a sensibilización ambiental”.

Como elemento simbólico da campaña, repártese unha culler de madeira, representando a necesidade de reducir o desperdicio alimentario. Esta culler inclúe un código QR que enlaza cunha páxina web con receitas elaboradas a partir dos produtos máis típicos do Entroido, ofrecendo ideas prácticas para aplicar nos fogares. En total, distribuiranse arredor de 2.000 culleres en 15 mercados municipais de toda Galicia.

A iniciativa enmárcase nas políticas da Xunta orientadas a fomentar a economía circular, reducir a xeración de residuos e avanzar cara a un modelo de consumo máis sostible e responsable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2026