O alumnado do centro Pedro Murias da Xunta recibe formación teórica e práctica sobre incendios forestais

Profesionais de tres distritos do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) de Medio Rural impartiron docencia neste CFEA sobre investigación dos lumes e amosaron prácticas relacionadas coa prevención e a extinción

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2026

O alumnado de 1º e 2º curso do ciclo de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural do Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo participou esta semana nunha xornada formativa sobre incendios forestais. Esta acción foi impartida por profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Xunta, procedente dos distritos VI (A Mariña luguesa), VII (A Fonsagrada-Os Ancares) e VIII (Terra de Lemos).

Os alumnos participantes recibiron formación de carácter técnico e práctico, orientada á análise da investigación de incendios forestais, á aplicación de métodos baseados en evidencias físicas e vestixios e ao desenvolvemento de prácticas de campo relacionadas coa prevención e a intervención nos lumes.

A actividade combinou sesións teóricas con traballo práctico de campo, favorecendo a interacción entre os participantes e a adquisición de coñecementos aplicables á realidade operativa. Tamén se impartiu docencia arredor do dispositivo de incendios forestais sobre o territorio galego e a resposta ante unha situación de alarma.

Así, no que atinxe ao eido da investigación, os estudantes coñeceron unha análise do método das evidencias físicas e vestixios, así como explicacións prácticas sobre identificación do punto de inicio e a interpretación da evolución do incendio con exemplos reais de lumes forestais.

A continuación, o alumnado participou nun campo práctico con tres zonas de traballo. A primeira delas, relacionada co uso de sistemas de comunicación e a revisión, colocación e boas prácticas no emprego de equipos de protección individual (EPis). A segunda, sobre o funcionamento de vehículos de extinción, incluíndo motobomba e pick-up, así como sobre capacidades operativas, seguridade e apoio ás manobras de extinción. A terceira área, de manobras con material de extinción, centrouse nas prácticas de tendidos de mangueira, uso de ferramentas manuais e material específico de extinción e a organización do traballo e seguridade en campo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2026