A Xunta publica a declaración de 29 zonas farmacéuticas especiais para facilitar a viabilidade de boticas rurais e garantir o acceso da poboación

Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia, 18 desas zonas pertencen á provincia de Ourense e o resto á de Lugo

A Consellería de Sanidade e os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia acordaron os criterios para identificar unha serie de localidades con características particulares de tipo xeográfico, demográfico e sanitario

O Executivo galego lanzará unha nova liña de axudas para apoiar as boticas rurais cun orzamento de case 100.000 euros

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2026

A Xunta publica hoxe, no Diario Oficial de Galicia, a declaración de 29 zonas farmacéuticas especiais, que establece apoios e medidas específicas para facilitar a viabilidade das boticas rurais co obxectivo de garantir a  prestación farmacéutica a todos os galegos, vivan onde vivan.

En colaboración cos catro colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e na procura de  manter unha prestación farmacéutica de calidade e próxima ás diferentes áreas de  atención continuada (PAC), a Consellería de Sanidade acordou establecer unha listaxe de localidades nas cales concorren unha serie características xeográficas, demográficas e de tipo sanitario que as determinan como zonas farmacéuticas especiais.

Así, 18 destas zonas corresponden á área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e 8 á área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. En concreto, establécense como zonas farmacéuticas especiais: A Gudiña, A Mezquita, A Peroxa, A Teixeira, As Nogais, A Veiga, Baleira, Baltar, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Castrelo do Val, Cervantes, Chandrexa de Queixa, Folgoso do Courel, Larouco, Laza, Manzaneda, Montederramo, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, O Bolo, Ourol, Parada de Sil, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos, San Xoán de Río e Vilariño de Conso.

Para a súa consideración como zonas farmacéuticas especiais, os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia e a Consellería de Sanidade acordaron unha serie de criterios, entre os cales se atopan que a zona conte cunha densidade de poboación igual ou inferior a 10 habitantes por km2 e que dispoña dunha única oficina de farmacia; que  todos os establecementos farmacéuticos da zona estean en situación de viabilidade económica comprometida ou, no caso das farmacias do rural, que non resulte posible a  rotación de quendas de garda.

O acceso da poboación rural aos medicamentos e produtos farmacéuticos permite  manter un nivel de atención sanitaria semellante á dos núcleos urbanos e este  representa un dos puntos considerados clave para o mantemento e a consolidación da  poboación no ámbito rural.

Por este motivo, a declaración de zona farmacéutica especial suporá, entre outras cousas, a posibilidade de aplicar condicións especiais de distancia e tempo de acceso á  oficina de farmacia durante a prestación do servizo de garda ou a opción de adoptar  medidas especiais en relación coa prestación de atención farmacéutica nas residencias sociosanitarias de menos de 100 residentes.

Ademais, a Xunta convocará este ano unha liña de axudas específica para garantir a viabilidade das boticas rurais instaladas nunha destas zonas especiais.

Esta primeira orde contará cun investimento de 99.600 euros para o ano 2026.

Coa declaración das zonas farmacéuticas especiais, a Xunta continúa a impulsar novas  medidas que inciden na mellora do sistema sanitario público galego, garantindo un  servizo farmacéutico de calidade, máis sostible e que dá resposta ás necesidades do conxunto da poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/02/2026