Comezan con normalidade as clases no Colexio Plurilingüe de Tenorio tras o incendio

Xunta, Concello, dirección do centro, técnicos e empresas de obras e limpeza reúnense para coordinar as próximas actuacións

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 19 de febreiro de 2026

O reinicio da actividade lectiva desenvolveuse esta mañá con normalidade no Colexio Plurilingüe de Tenorio tras o incendio acontecido a semana pasada. Desde hoxe tamén se prestará desde hoxe un servizo provisional de comedor con cátering tanto neste centro como no Instituto de Cotobade.

Coincidindo coa volta ás clases, Xunta, Concello, dirección do centro, técnicos e empresas de obras e limpeza mantiveron una reunión no centros para coordinar as próximas actuacións. Participaron nela o director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP na provincia de Pontevedra, César Pérez; o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a Unidade Técnica da Consellería na provincia, o director e a inspectora do colexio, así como os responsables das empresas de electricidade, construcións e limpeza implicadas nos traballos realizados nos últimos días para poder recuperar a actividade lectiva.

Na reunión tratáronse as próximas actuacións a desenvolver. En concreto, a empresa de limpeza, que xa rematou cos labores no resto do colexio, acometerá agora a limpeza da cociña e comedor, áreas máis afectadas polo incendio Ademais, a de construción iniciará esta mesma tarde a colocación do falso teito do vestíbulo e a semana que vén retirará a cuberta do almacén no que se orixinou o incendio. A maiores, os electricistas comezarán de inmediato os traballos para poñer de novo en funcionamento a calefacción.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026