A secretaria xeral técnica e a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático reuníronse con representantes doutras autonomías españolas do litoral

Galicia e outras nove comunidades autónomas acordan crear un grupo de traballo para deseñar unha nova Lei de costas con rigor e coordinación

As rexións costeiras apostan por elaborar cunha normativa que aborde de xeito integrado a ordenación do litoral tendo en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e os sociais

A Xunta expón ao resto de autonomías o temor a que o Goberno central pretenda novamente modificar o Regulamento Xeral de Costas para restrinxir os usos do litoral e acurtar a duración das concesións en dominio público marítimo-terrestre

O Executivo galego advirte de que o escurantismo que envolve o procedemento é exactamente o mesmo que se deu non dous anteriores intentos de reformar o regulamento, nos anos 2018 e 2024

Madrid, 19 de febreiro de 2026

A secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, e a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, mantiveron hoxe un encontro na Casa de Galicia en Madrid con representantes doutras autonomías costeiras para analizar a xestión do litoral nas distintas rexións e aproveitar sinerxías. Neste contexto, acordaron crear un grupo de traballo para deseñar con rigor e de xeito coordinado unha nova Lei de Costas que aborde de xeito integrado a ordenación do litoral tendo en conta tanto os aspectos medioambientais como os económicos e sociais.

Precisamente, entre os asuntos abordados estivo a consulta pública previa iniciada polo Goberno central para modificar o Regulamento Xeral de Costas co fin, de acordo coa súa xustificación, de dar resposta ao procedemento de infracción aberto por Bruxelas contra España. Neste sentido, as representantes da Xunta expuxeron os temores de Galicia a que o único obxectivo desa reforma sexa restrinxir os usos do litoral e acurtar a duración das concesións en dominio público marítimo-terrestre (DPMT).

Nesta liña, Carmen Bouso e Paula Uría trasladaron que a comunidade está en coordinación coas organizacións do complexo mar-industria, cos concellos costeiros e outras entidades de cara a realizar aportacións. De feito, entre as alegacións remitidas por Galicia ao Executivo central están a exixencia de que se amplíe o prazo da consulta pública previa e que se facilite toda a información sobre o expediente de infracción aberto a España para poder alegar con fundamento.

No mesmo sentido, a Xunta cuestiona que o Goberno central reduza a consulta pública previa ao prazo mínimo que permite a lei (15 días) -limitando así a capacidade de resposta dos interesados- e que na súa xustificación non aporte información sobre a magnitude dos cambios que quere acometer, un xeito escurantista de proceder idéntico ao dos intentos de modificar o regulamento de 2018 e 2024.

Por iso, Galicia advirte de que todo apunta a un novo intento de reformar pola porta de atrás o Regulamento Xeral de Costas e avanzar na pretensión do Goberno central de eliminar calquera vestixio de presenza humana do litoral antes de 2050. Para iso trata de limitar as concesións das prórrogas en dominio público marítimo-terrestre a só 30 anos -fronte aos 75 vixentes-, endurecer os requisitos para instalar calquera tipo de negocio no litoral e ampliar o DPMT -limitando a propiedade privada, económica e industrial- levando a liña de deslinde terra dentro.

No encontro participaron presencialmente representantes de Galicia, Asturias, Canarias, Baleares e Comunidade Valenciana e interviron de xeito telemático responsables de Andalucía, Murcia, Cantabria, Cataluña e País Vasco, que se emprazaron a manter novas xuntanzas proximamente co fin de crear ese grupo de traballo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/02/2026