A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático deu hoxe unha rolda de prensa para dar conta da situación
A Xunta traslada á Comisión Europea a singularidade do litoral galego co fin de defender á comunidade ante o impacto da reforma do Regulamento de Costas que promove o Goberno central
Ángeles Vázquez remitirá ás autoridades comunitarias unha serie de documentos nos que se dá conta das alegacións feitas desde Galicia ao anteproxecto normativo para que así coñezan de primeira man a realidade costeira da Comunidade e os efectos nela das modificacións propostas
O Goberno galego aspira así a que a Comisión Europea dispoña da información necesaria para comprender a especificidade do litoral galego e para evitar que, intentando resolver un problema xurídico, se acabe xerando un problema económico, competencial e social moito maior
A conselleira lamenta que o único interlocutor que tiveron as autoridades comunitarias no marco deste proceso foi o Goberno central, posto que este non defendeu ante Europa os intereses das comunidades nin foi quen de trasladar cal é realidade das rexións costeiras afectadas
Incide no impacto especial que terá sobre a cadea mar-industria, que representa o 5% do PIB galego e dá emprego a máis de 25.000 persoas, así como na inseguridade xurídica dunha proposta que, nos termos previstos, é contraria a dereito e invade competencias autonómicas
Sinala que o propio Ministerio admite que esta proposta non resolve os problemas detectados pola Comisión, xa que non elude a necesidade de abordar posteriormente unha reforma da Lei de costas, e exixe que a solución aportada sexa legal, segura e respectuosa coa cidadanía, as empresas e as institucións
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
A Xunta trasladará de inmediato á Comisión Europea os previsibles impactos que terá a reforma do Regulamento Xeral de Costas en Galicia, unha comunidade que tanto pola singularidade do seu litoral como polo peso que ten a nivel socioeconómico o sector marítimo-pesqueiro galego —o máis importante de toda Europa— será das máis prexudicadas polos cambios propostos de forma unilateral polo Goberno central neste eido.
Así o destacou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen nunha rolda de prensa avanzou que nas próximas horas remitirá ás autoridades comunitarias as alegacións presentadas pola Xunta ao anteproxecto do novo regulamento, xunto co estudo de impacto económico elaborado polo grupo de traballo que se constituíu para analizar a reforma.
Acompañada pola secretaria xeral da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Carmen Bouso, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, a conselleira incidiu na transcendencia de informar ás autoridades comunitarias correctamente e de forma directa sobre a “realidade única” do litoral galego e as gravísimas consecuencias que suporía para as actividades asentadas nel a entrada en vigor do novo regulamento, nos termos actualmente propostos.
Nesta liña, lamentou que o único interlocutor que tivo a UE con relación ao expediente de infracción que deu pé a esta reforma foi o Goberno central, que non defendeu ante Europa os intereses das comunidades nin foi quen de trasladar cal é realidade actual das rexións costeiras afectadas.
“O que queremos é que a Comisión Europea dispoña da información necesaria para comprender a especificidade do litoral galego e para evitar que, intentando resolver un problema xurídico, se acabe xerando un problema económico, competencial e social moito maior”, resumiu a conselleira, que insistiu na necesidade de trasladarlle a Bruxelas que Galicia quere unha solución pero que sexa “legal, segura e que respecte ás institucións públicas e aos cidadáns”.
Pola contra, considerou que a reforma regulamentaria que promove o Executivo central poñendo “como escusa” á Comisión Europea non resolve nada porque trata de introducir cambios que afectan a unha lei a través dun regulamento que, ademais, nace cun serio risco de anulación por todos os motivos expostos pola Xunta nas súas alegacións.
De feito, a responsable autonómica sinalou que o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico admite que esta reforma non resolverá os problemas xurídicos detectados por Bruxelas e será necesario abordar posteriormente as modificacións lexislativas que se reclaman no ditame motivado da Comisión Europea a través dunha reforma da Lei de costas estatal.
Tras lembrar que a Xunta se opuxo desde o primeiro momento á decisión do Executivo de Pedro Sánchez de modificar o Regulamento de Costas, tanto pola forma como polo fondo, Ángeles Vázquez explicou que no marco do procedemento de información pública ao que se someteu o anteproxecto, o Goberno galego alegou que a reforma non resolverá os problemas detectados por Bruxelas, xa que, entre outras razóns, é contraria a dereito, invade competencias exclusivas das comunidades e xerará un escenario de grave inseguridade xurídica ao entrar en contradicións directas coa propia norma estatal de rango superior.
A modo de exemplo, indicou que o novo regulamento prevé a anulación de prórrogas sobre concesións xa outorgadas, a denegación doutras solicitadas e a aplicación, con carácter xeral, dun réxime máis restritivo para as novas concesións, ao tempo que se pretende eliminar a figura das prórrogas extraordinarias recollida na Lei de costas.
A pretensión do Goberno central, tal e como explicou, é limitar a presenza humana no litoral o que compromete o futuro de instalacións claves para a economía galega como estaleiros, conserveiras ou establecementos de hostalaría xa que as empresas e persoas que exercen actualmente algún tipo de actividade económica na franxa costeira verán perigar os investimentos realizados en base a un escenario que pode cambiar polo carácter retroactivo de moitas das medidas incluídas no anteproxecto.
Ademais, a conselleira advertiu de que esta inseguridade xurídica afectará tamén ás propias administracións encargadas de aplicar o regulamento e tomar decisións no marco das súas competencias polo que advertiu do risco de que se dispare a litixiosidade na costa en defensa dos intereses dos afectados, que durante anos actuaron confiando nos principios de seguridade xurídica e confianza lexítima pero que agora poderían ver vulnerados os dereitos adquiridos como titulares de concesións na costa.
Realidade única en España
Para explicar a inquedanza da Xunta ante as consecuencias no caso de Galicia, a responsable autonómica lembrou que ten o litoral máis extenso de todo o país —con 2.555 km— e nel se concentra máis da metade da poboación —preto de 1,5 millóns de habitantes—, unhas cifras que sumadas á súa relación histórica, económica e social co mar fan que a realidade costeira da Comunidade sexa única en todo o país.
De feito, Ángeles Vázquez recordou o peso que teñen as empresas ligadas á cadea mar-industria en Galicia, que representan o 5% do PIB galego e dan emprego a máis de 25.000 persoas, ademais de ter un valor de produción duns 9.000 millóns de euros.
Por este motivo, recoñeceu a especial preocupación do Executivo galego polo impacto que tería para este sector e, particularmente, para a acuicultura (que suma 2.500 empresas e case 4.500 traballadores en Galicia) a aprobación do novo Regulamento de Costas nos termos actualmente propostos.
Así, ademais das consecuencias derivadas do escenario de inseguridade xurídica xa sinalado, explicou que a decisión do Goberno central de aplicar a Directiva de servizos comunitaria a todas as actividades e sectores produtivos asentados no litoral, sen facer distincións, suporía na práctica equiparar bateas e outras instalacións acuícolas cos chamados chiringuitos de praia cando son actividades totalmente distintas e coas súas propias singularidades, algo que, sinalou, "carece de sentido”.