A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, supervisaron as obras do centro sanitario, que acadan o 34 % de execución

A Xunta destaca o impulso decisivo ás obras do novo centro de saúde de Vilagarcía, cun investimento de 19 M€ e previsión de poñelo en servizo en 2027

Allegue subliña a conxugación da calidade arquitectónica coa funcionalidade do edificio con forma de dobre U, que se integrará na contorna urbana, xerando dúas prazas, ao tempo que mellora a atención á cidadanía e o espazo para os profesionais que nel traballan

Incide no emprego de materiais sostibles na obra, con celosías exteriores que filtrarán a luz natural e elaboradas con madeira reciclada de bateas da Ría da Arousa, no marco do impulso que a Xunta está a dar ao uso da madeira galega en todas as construcións públicas

Gómez Caamaño subliña que apertura do centro contribuirá a unha asistencia sanitaria máis completa e de calidade

Crearase unha nova área da muller e ampliarase o número de consultas de medicina de familia, pediatría e enfermería

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 20 de febreiro de 2026

A Xunta destacou hoxe o impulso decisivo que se está a dar ás obras do novo centro de saúde de Vilagarcía de Arousa, cun investimento de 19M€ e previsión de rematar as obras en 2027.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, supervisaron hoxe os avances na obra do novo centro no municipio pontevedrés.

Durante a visita, Allegue puxo en valor que os traballos avanzan e van collendo ritmo tras superar as dificultades iniciais derivadas da presenza dunha capa freática que ralentizou as tarefas de cimentación. A conselleira subliñou que, unha vez superados estes condicionantes, xa é posible facerse una idea do que suporá este novo centro sanitario.

Segundo explicou, nas obras desta nova infraestrutura sanitaria conxúganse a calidade arquitectónica coa funcionalidade, buscando ofrecer a mellor atención á cidadanía e tamén mellor espazo para os profesionais que nel traballan. Trátase dun edificio inconfundible, por esa forma de dobre U, que en palabras da conselleira, favorecerá a súa integración harmónica coa contorna urbana, xerando dúas prazas.

Allegue destacou tamén o emprego de materiais sostibles, facendo fincapé nas celosías exteriores que filtrarán a luz natural e que estarán elaboradas con madeira reciclada de bateas da Ría da Arousa. Neste sentido, incidiu no impulso que a Xunta está a dar ao uso da madeira galega en todas as construcións públicas, incluíndo esta condición nos pregos dos proxectos de vivenda pública.

Precisou como a día de hoxe, a estrutura do edificio é xa visible, cun 34% da obra executada e cos muros e o forxado da primeira planta xa realizados. A previsión é continuar coa execución da estrutura para rematala na primavera, sempre condicionada pola climatoloxía.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o ritmo ao que avanzan os traballos do novo centro de saúde e o compromiso da Xunta de poñelo en servizo o vindeiro ano 2027.

Máis consultas e servizos

Gómez Caamaño fixo fincapé na ampliación de espazos e creación de novos servizos, xa que se pasará de máis de 40 consultas do centro de saúde actual a máis de 60 no futuro centro.

En concreto, a nova infraestrutura permitirá dispoñer de 17 consultas de medicina familiar e comunitaria, 17 consultas de enfermería de adultos, 5 consultas de pediatría, 5 de enfermería pediátrica, 5 consultas de docencia para un centro con seis titores de formación sanitaria, 2 consultas de farmacia, 4 salas de técnicas ou unha nova sala de illamento.

Crearase, ademais, unha unidade da muller dotada con tres consultas e unha sala de educación sanitaria.

Amplíanse os servizos de fisioterapia, con dúas consultas, e a unidade de saúde bucodental con 2 consultas de odontoloxía e dúas de hixienista.  Ademais, increméntanse espazos da área de urxencias do punto de atención continuada cunha nova consulta médica, unha sala de espera máis e outra sala de reanimación e observación.

Este investimento da Xunta en Vilagarcía de Arousa complementa coa recente integración da unidade municipal de atención á drogodependencia no Servizo Galego de Saúde, xunto con outros 12 concellos máis.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor o compromiso da Xunta coa mellora da atención primaria, lembrando o investimento de 162 M€ na construción ou reforma de 138 centros de saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/02/2026