A subdirectora xeral de Estilos de vida saudable da Consellería de Sanidade participou esta semana no European Cancer Screening and Early Detection Policy Summit
A Xunta comparte a súa experiencia do proxecto piloto pioneiro de cribado de cancro de próstata con expertos e profesionais de saúde de toda Europa
A participación da representante da Xunta amosa o compromiso de Galicia coa prevención, a detección temperá e a promoción de estilos de vida saudables como elementos centrais na loita contra o cancro
O cumio estivo presidido por figuras destacadas no ámbito da saúde europea e representantes do Parlamento Europeo, e tivo por obxectivo impulsar a acción política e técnica necesaria para consolidar a detección precoz
Ata o momento, o proxecto piloto permitiu detectar 71 casos de cancro de próstata, dos cales o 80 % son clinicamente significativos e que, sen esta iniciativa non serían diagnosticados ata máis avanzada a enfermidade
Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2026
A subdirectora xeral de Estilos de vida saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, vén de participar esta semana no European Cancer Screening and Early Detection Policy Summit, un evento que reúne expertos, responsables políticos e profesionais da saúde de toda Europa para avanzar na implementación de programas de cribado e detección precoz do cancro.
O congreso, que tivo lugar en Bruxelas os días 17 e 18 de febreiro, centrouse en tres proxectos financiados polo programa EU4Health 2021-2027, entre eles o PRAISE-U, que pon a proba unha estratexia de cribado personalizado para o cancro de próstata no que participa Galicia.
Durante a súa intervención, a subdirectora xeral expuxo a experiencia no piloto de cribado de cancro de próstata que se está a desenvolver na área sanitaria de Ferrol. Destacou os logros, retos e ensinanzas extraídas desta iniciativa pioneira no ámbito do sistema sanitario europeo.
A participación da representante da Xunta demostra o compromiso de Galicia coa prevención, a detección temperá e a promoción de estilos de vida saudables como elementos centrais na loita contra o cancro.
O evento serviu tamén como plataforma para compartir coñecementos con representantes de proxectos europeos como SOLACE e TOGAS, que abordan o cribado de cancro de pulmón e gástrico respectivamente, e para debater sobre políticas públicas que permitan traducir estes proxectos piloto en programas efectivos a nivel nacional e comunitario.
O cumio estivo presidido por figuras destacadas no ámbito da saúde europea e representantes do Parlamento Europeo, e tivo por obxectivo impulsar a acción política e técnica necesaria para consolidar a detección precoz como unha prioridade na axenda de loita contra o cancro no conxunto da Unión Europea.
Os resultados obtidos ata agora por este proxecto piloto de cribado na área sanitaria de Ferrol, cuxa poboación diana inclúe todos os homes residentes nos concellos da área entre 50 e 69 anos, reflicten unha alta aceptación e satisfacción por parte dos participantes.
Ata o momento, detectáronse 71 casos de cancro de próstata, cos cales o 80 % son clinicamente significativos e que, sen esta iniciativa non serían diagnosticados ata máis adiante, en fases máis avanzadas.
O proxecto PRAISE-U conta cun financiamento total de máis de 12 millóns de euros, dos cales 1.362.000 euros se correspondente co piloto que se desenvolve en Ferrol. Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa Horizonte 2021-2027.