Mar inicia a rolda de visitas aos bancos marisqueiros afectados polos temporais
O obxectivo é coñecer in situ a situación particular de cada zona e analizar co sector o impacto na actividade extractiva de cara ao deseño de medidas de apoio a este sector estratéxico
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 20 de febreiro do 2026
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, realizou hoxe unha visita aos bancos marisqueiros das confrarías da Illa de Arousa, Vilanova de Arousa e Vilaxoán para analizar co sector o impacto dos temporais das últimas semanas sobre os recursos e a actividade extractiva.
Na visita participou tamén a directora territorial da Consellería do Mar, Elena Suárez, así como os biólogos da zona, que están a realizar o seguimento técnico da evolución dos bancos marisqueiros afectados polos episodios de forte choiva e polos descensos de salinidade rexistrados nas últimas semanas.
Esta visita enmárcase na rolda de contactos e desprazamentos ao territorio impulsada pola Consellería do Mar co obxectivo de coñecer de primeira man a situación específica de cada ría e de cada zona produtiva, avaliar o estado dos bancos marisqueiros e contrastar cos profesionais do sector as afeccións derivadas da elevada pluviometría.
Durante o encontro, a responsable autonómica trasladou ao sector que a Xunta mantén un seguimento continuo da evolución dos bancos marisqueiros a través do Observatorio Costeiro, que conta cunha rede de estacións de control que permiten monitorizar parámetros clave como a salinidade, a temperatura ou o pH da auga, fundamentais para avaliar a viabilidade do recurso.
A directora xeral subliñou que a prioridade da Administración autonómica é dispoñer de datos técnicos contrastados que permitan realizar unha valoración rigorosa da situación co fin de estudar, en diálogo co sector, as medidas máis axeitadas para apoiar a actividade marisqueira e contribuír á súa recuperación.